A CIG, disposta á folga xeral se non se derrogan a lei mordaza e as reformas laboral, da negociación colectiva e das pensións

Vén de iniciar un proceso de acumulación de forzas para exixir a recuperación de dereitos laborais, sociais e condicións de vida

Ourense -

A CIG celebrou este mércores asembleas de delegados/as e mobilizacións en todas as comarcas para analizar as consecuencias das “contrarreformas” laborais, da negociación colectiva e das pensións nas condicións laborais e de vida da clase traballadora galega. A central acordou o inicio de protestas para exixirlle ao Goberno español un cambio de políticas que posibilite a recuperación de dereitos perdidos.

“Iniciamos un proceso de acumulación de forzas e estamos dispostos a tirar para adiante cunha folga xeral se non se avanza nesa liña”. Así o aseguraba o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, na concentración celebrada diante da Subdelegación do Goberno en Ourense, onde vinculou a recuperación de dereitos e a creación de emprego con salarios e condicións de traballo dignas á “derrogación inmediata” de todas as reformas impostas so pretexto da crise económica, nomeadamente as laborais, a da negociación colectiva, as das pensións e a coñecida como lei mordaza.

Táboa reivindicativa

O secretario xeral da CIG explicou que a central sindical ten acordado darlle continuidade ás mobilizacións que hoxe comezaron en todas as comarcas nos próximos meses. Avanzou ademais que xa se está traballando nunha táboa reivindicativa na que se concretarán todas as demandas e propostas básicas para mudar a actual situación.

“Basearemos esas propostas en dous documentos que xa temos debatido e publicado, un no que se recollen as 100 medidas para a recuperación económica e a creación de emprego en Galiza e outro no que se contemplan toda unha serie de propostas en materia laboral e social para a nova lexislatura”

Seixo sinalou que é necesario aproveitar a actual conxuntura política, cun goberno do PP en minoría no Congreso onde “se dan as circunstancias para poder promover iniciativas, proposicións de lei que modifiquen as consecuencias negativas que tiveron -en materia de emprego, salarios, prestacións por desemprego, condicións laborais e pensións-“ esas reformas.

En todo caso, augurou que o PP, malia estar en minoría, intentará utilizar “todos os mecanismos ao seu alcance” para non mudar absolutamente ningunha das súas “políticas antisociais e antiobreiras”.

Por iso, afirmou que é “fundamental presionar a través da mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación social”. Presión que ten que ir dirixida fundamentalmente ao PP, pero tamén a aqueles grupos do Congreso español que son reticentes a estes cambios.

Neste sentido, adiantou a disposición da CIG a chegar até as últimas consecuencias e non descartou mesmo recorrer á “folga xeral” se non se dá ningún avance.

Sistema de pensións

Alén destas cuestións, nas asembleas abordouse tamén a situación na que se atopa o actual sistema público de pensións e o debate que se está a dar arredor da súa viabilidade futura. Sobre esta cuestión valorouse a necesidade de que se adopten todas as medidas necesarias para garantilas como un dereito básico e incidiuse na necesidade de crear emprego con dereitos e salarios dignos.

O secretario xeral da CIG lembrou ademais que a CIG xa leva meses desenvolvendo unha campaña organizada polo colectivo de pensionistas e xubilados/as da central sindical á que tamén se lle vai dar continuidade con novas mobilizacións, previsibelmente no mes de xaneiro.

Mobilizacións que acordará o propio colectivo, “coa idea de exixir que se derroguen as reformas das pensións dos anos 2011 e 2013, promovidas polo PSOE e o PP, que ademais no caso da de 2011 contou co apoio de CCOO e UGT”, sinalou.

Ilegalización de Causa Galiza

Ao remate das asembleas deuse lectura a un comunicado en denuncia da ilegalización de Causa Galiza. A CIG, que xa manifestara no seu momento a súa solidariedade con esta organización política independentista, que foi suspendida de actividade durante dous anos, o que na práctica equivale á súa ilegalización e reiterou hoxe o seu compromiso coa defensa dos dereitos civís e políticos e contra a persecución ideolóxica do independentismo.

Volver