A CIG estuda denunciar na Fiscalía as condicións laborais dos falsos/as autónomos/as dependentes de Frigolouro

O persoal de Servicarne decidiu regresar ao traballo mentres as partes negociaban, mais a empresa díxolles que até o luns non terá encargos para eles/as e hoxe continuaron coas protestas

Vigo -

A federación de Alimentación da CIG a estudar a posibilidade de denunciar na Fiscalía as condicións laborais dos falsos/as autónomos/as dependentes da empresa Frigolouro do Porriño, do grupo ourensán Coren, que nos últimos días desenvolveron paros e mobilizacións en defensa dos seus dereitos. O persoal de Servicarne decidiu onte regresar ao traballo mentres as partes negociaban en Santiago, mais a empresa díxolles que até o luns non terá encargos para eles/as. Este mércores trasladarán as protestas á Xunta.

(Galería de imaxes)

Dende a FGAMT-CIG explican que están a consultar cos servizos xurídicos da central a posibilidade de denunciar diante da Fiscalía as condicións laborais que padece o persoal de Servicarne, a cooperativa de traballo asociado subcontratada por Frigolouro para realizar labores de matanza e despece de carne. Trátase de falsos/as autónomos/as, xa que dependen exclusivamente da empresa de procesados cárnicos, e nos últimos días protagonizaron varias xornadas de folga e mobilizacións para reclamar unhas condicións laborais dignas.

O pasado xoves comezaron unha folga indefinida que onte decidiron suspender mentres agardaban o resultado da xuntanza celebrada en Santiago na que participou unha representación do persoal e da CIG, o comité de Frigoluro, o xefe da Inspección de Traballo a secretaria xeral de Emprego e a directora xeral de Relacións Laborais. Os que non compareceron foron os responsábeis de Servicarne, polo que o acordo non foi posíbel.

A pesar de que os falsos/as autónomos/as decidiron en asemblea regresar ao seu posto de traballo mentres se producía a reunión, unha vez no interior das instalacións de Frigolouro dixéronlles que até o luns non terían actividade para eles/as. Hoxe volveron a acudir á empresa para que lles comunicasen a decisión por escrito co obxectivo de evitar posíbeis sancións económicas e incluso a expulsión da cooperativa.

Alí aproveitaron para realizar unha concentración de protesta que se prolongou de 10.00 a 11.00 horas, e a continuación mobilizáronse polas rúas do Porriño até o Concello, onde volveron a solicitar unha xuntanza coa alcaldesa para que lles explicase as xestións que realizou para intentar desbloquear o conflito laboral. “A rexedora díxonos que mantivo unha conversa telefónica co xerente que tería sido moi bronca, chegando incluso a colgarlle o teléfono o responsábel da empresa; tamén nos confirmou que o luns intentará manter unha xuntanza coa dirección da compañía”.

Machismo na empresa

Dende a CIG denuncian que Servicarne intentou boicotear en todo momento a protesta laboral, chegando incluso a chamar a máis de 20 novos traballadores autónomos para que substituísen os folguistas. “Cada vez hai máis persoal autónomo no sector, xa que no último convenio de Industrias Cárnicas CCOO e UGT eliminaron o tope que fora establecido”.

Curiosamente, todas as persoas contratadas durante o conflito son homes, algo que na central nacionalista achacan ao machismo existente na empresa e que xa foi denunciado polos propios traballadores/as, até o punto de que un encargado chegou a asegurar que nun ano non quedará na empresa ningunha muller “porque non son rendíbeis”.

Os traballadores/as decidiron continuar coas mobilizacións e este mércores ás 11.00 horas trasladarán as protestas até a delegación da Xunta en Vigo para reclamar a súa implicación no conflito laboral e dende a CIG lembran que existe unha lei autonómica de cooperativas. A central tamén reitera a necesidade de que interveña a Inspección de Traballo ao entender que se está a producir cesión ilegal de traballadores/as, “mais a autoridade laboral alega que non ten competencias ao tratarse de persoal autónomo”.

Volver