A CIG exixe a inmediata retirada da promoción do programa da TVG Land Rover

Pide que se depuren responsabilidades por afirmarse que “é mellor ver Land Rover ca pegarlle a unha vella”
Nacional - 12 Set 2018

A CIG non pode por menos de expresar o seu asombro e indignación pola autopromoción de “Land Rover”, na que o seu presentador, Roberto Vilar, anuncia a volta do programa á pantalla da TVG o próximo xoves e, en chave humorística, tenta convencer á audiencia de “ser mellor ver ‘Land Rover’ que pegar a unha vella”

A través do humor, por tanto, presupón que se pode bater nas vellas, desvirtuando e minimizando a gravidade das actitudes de violencia machista e menosprecio ás persoas maiores. Con semellante comparación o mesmo programa situase nun nível tan ínfimo, que o fai impropio dunha canle pública como a CRTVG, cuxa actividade debe inspirarse nos princípios do respecto á dignidade humana, a igualdade entre homes e mulleres e a non violencia, entre outros.

En consecuencia, a CIG esixelle ao Directo Xeral da CRTVG, a quen vén de dirixir este escrito que, como máximo responsábel da CRTVG, “actúe coa maior contundencia e ordene a inmediata retirada da emisión desa despreciábel autopromoción, para alén de depurar as responsabilidades que correspondan”.