A CIG faise coa maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas na empresa Aister de Moaña

Logrou cinco dos nove delegados/as que se escollían no comité

Moaña -

A federación da Construción da CIG vén de gañar con maioría absoluta as eleccións sindicais celebradas recentemente na empresa Aister, con sede na parroquia moañesa de Meira e dedicada á habilitación de buques e á construción de estruturas de aluminio para barcos, ao facerse con cinco dos nove delegados/as que se escollían no comité.

Tras o proceso de eleccións sindicais, a representación do cadro de persoal estará integrada por cinco delegados/as da CIG, dous da UGT e dous independentes. O anterior comité estaba formado por tres representantes da UGT, un da CIG e outro de CCOO. 

A dirección pretendía seguir escollendo cinco representantes a pesar de que a empresa aumentou o cadro de persoal

A central logrou as cinco delegados/as no colexio de especialistas grazas aos 38 votos colleitados, fronte aos 21 que obtivo a UGT neste colexio, que supoñen dous representantes. Os dous delegados/as que se escollían entre os técnicos/as e administrativos/as pertencen a unha candidatura independente.

Dende a CIG lembran que o anterior comité, que se escolleu hai xa sete anos, estaba formado por cinco representantes. Neste tempo a compañía aumentou o seu cadro de persoal até os 115 traballadores/as, o que supón contar cun comité de nove, mais a dirección manobrou para intentar atrasar a celebración dunhas eleccións que foron promovidas pola propia central.

De feito a empresa pretendía seguir escollendo só cinco representantes, polo que a CIG tivo que impugnar un proceso que finalmente lle supuxo conseguir a maioría absoluta “grazas ao traballo feito pola nosa central tanto dentro como fóra da empresa”, sinalan dende a Construción.

Volver