A CIG faise coa maioría absoluta no comité do Centro Médico El Carmen de Ourense

Logrou 5 dos 9 representantes a primeira vez que presentaba candidatura no hospital privado
Ourense - 20 Dec 2023

A CIG fíxose coa maioría absoluta no comité de empresa do Centro Médico El Carmen ao lograr 5 dos 9 representantes que se escollían nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar no hospital privado.

Dáse a circunstancia de que se trata da primeira ocasión na que a central presentaba candidatura neste centro de traballo, logrando deste xeito unha vitoria aínda se cabe máis importante. O resto da representación sindical complétana 2 delegados/as de CCOO e outros/as 2 da UGT. 

Asumimos con forza, enerxía e responsabilidade a confianza que o cadro de persoal depositou en nós

Dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense salientan e especial relevancia destes resultados tendo en conta que a empresa se atopa en pleno proceso de venta a un grupo foráneo (Grupo Recoletas) e que o convenio colectivo provincial da sanidade privada na provincia se atopa “encallado” na actualidade, logo de preto de 10 anos “paralizado” e de case outros dous de negociacións infrutuosas.

Finalmente, na central sindical fan fincapé en que asumen “con forza, enerxía e responsabilidade a confianza que as traballadoras/as depositaron en nós, e comprometémonos a loitar por un convenio digno e un salario xusto, nun sector altamente precarizado e cun baixo nivel de recoñecemento da calidade profesional do seu persoal”.