A CIG faise coas 9 delegadas do comité de Alpixendra, concesionaria do SAF en varios concellos ourensáns
A CIG fíxose coa totalidade da representación na empresa Alpixendra Servicios Rurais ao lograr as nove delegadas do comité que se escollían nas eleccións sindicais celebradas onte nesta concesionario do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de varios concellos da provincia de Ourense.
A candidatura da central foi a única que concorreu ao proceso, obtendo 134 votos a favor e 5 en branco. Tanto CCOO como UGT intentaron presentarse tamén da man do propietario da empresa, pero finalmente non conseguiron configurar unha candidatura.
Trátase da primeira ocasión na que se escolle representación sindical nesta concesionaria do SAF en concellos como O Barco, Vilamartín, A Rúa, Petín, A Gudiña, Viana do Bolo, Castrelo do Val, Oímbra ou Cualedro.
Dende a CIG agradecen a confianza e o apoio recibido por parte do cadro de persoal de Alpixendra Servicios Rurais e adiantan a súa disposición a seguir loitando pola dignificación das condicións laborais no sector dos coidados, como a central está a facer na actualidade tanto nos SAF como nas residencias de maiores privadas.