A CIG-Ferroatlántica reclama ao conselleiro de Industria que convoque de inmediato á representación social

Ante as informacións que apuntan a que a empresa entregou nova documentación na Xunta
Cee - 18 Xul 2019

A sección sindical da CIG en Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas reclama manter unha reunión urxente coa Consellaría de Industria, ante a gravidade das informacións que indican que Ferroatlántica presentou nova documentación na Xunta de Galiza para a cancelación anticipada do leassing que ten sobre as centrais.

Neste senso, lémbranlle ao conselleiro que se comprometeu a actuar conxuntamente co comité cando a empresa presentara información na Xunta, "pero a día de hoxe, Conde segue sen convocar reunión coa representación social, polo que lle pedimos que asuma o seu compromiso e a súa palabra, que actúe co mesmo criterio que no 2017 e se poña de lado dos traballadores/as e da comarca".

A asemblea de persoal cuestiona a operación de venda

A representación da CIG explica que nas asembleas de traballadores/as celebradas no día de onte en Cee e Dumbría, o persoal ratificou todas as consideracións feitas polo comité de empresa á Consellaría de Industria cuestionando a operación de venda nos termos anunciados por Ferroatlántica e reclamando que se cumpran unha serie de requisitos para a elaboración dun plan de viabilidade que dote de futuro ás fábricas e aos empregos.

"A Xunta non pode ser cómplice nesta operación de venda fraudulenta que o Grupo Villar Mir pretende levar adiante. Esiximos á Consellaría que convoque de inmediato reunión co comité para coñecer que documentación remitiu a empresa e abordar as accións a desenvolver na defensa da legalidade, os empregos e o futuro industrial da Costa da Morte", aseveran.

A CIG vaise dirixir a Augas de Galiza

A este respecto, a CIG vaise dirixir por escrito a Augas de Galiza para denunciar a fraude desta transacción e para solicitarlle que inste a Ferroatlántica a pedir a autorización do cambio de titularidade da concesión ou, alternativamente, para que Augas de Galiza cualifique o escrito de comunicación presentado pola empresa con tal finalidade como unha solicitude de autorización iniciadora do correspondente procedemento. No escrito tamén se solicita á Administración que se teña por personada á sección sindical da CIG nese expediente.

A sección sindical reitera rexeitamento a unha compra-venda que non garante a actividade produtiva nin os empregos e que deixa as fábricas como unha especie de subcontrata de FerroGlobe, no que se podería considerar unha segregación encuberta das centrais. Salientan que o documento presentado por Ferroatlántica "non cumpre nin de lonxe, co que poderíamos considerar como plan de viabilidade; necesario non só porque así o obriga o cambio de titularidade dos activos que se queren transferir, senón tamén pola situación de parada de fornos e a existencia dun ERTE durante dous anos que afecta á totalidade do persoal de ferroaliaxes". 

Ademais, que Ferroatlántica e o fondo TPG confirmaran a súa intención de manter os recursos legais presentados contra a resolución de Augas de Galiza que desautoriza a desvinculación de actividades confirma que o obxectivo último segue a ser a venda das centrais hidroeléctricas.  

Dende a sección sindical chamaron tamén a atención sobre o "gran interese" que a convocatoria da asemblea de onte espertou entre os xefes de departamentos e mesmo a directora de Recursos Humanos, "que acudiron á asemblea cunha chea de dúbidas sobre o proceso de venda, que se lle aclararon adecuadamente dende a representación social", ironizan.