A CIG gaña a demanda contra o Concello de Pontevedra pola produtividade do persoal do servizo de extinción de incendios

Os traballadores/as deberán percibir 108 euros por cada quenda festiva
- 29 Xun 2017

A CIG-Administración vén de gañar nos Xulgados a demanda presentada contra o Concello de Pontevedra a respecto da produtividade por festividade do persoal do servizo de extinción de incendios. A central reclamara na mesa de negociación que cada traballador ingresara por este concepto 108 euros (36 euros x tres), xa que a súa xornada de traballo son 24 horas.

A secretaria comarcal da CIG-Administración de Pontevedra, Dina Porral, explica que o Goberno local non quixo entrar a valorar esta proposta. “Entendíamos que a produtividade fixada actualmente era discriminatoria xa que ingresaban o mesmo os bombeiros/as que traballaban oito horas e os que o facían 24”, indica. Lembra que isto non sucede cando solicitan un permiso, “xa que nese caso descóntanlles tres días por ter unha quenda de 24 horas”.

A partir de agora a sentenza obrígalle ao Concello a ter que abonar 108 euros por cada quenda festiva que faga o persoal de extinción de incendios. “Este é un dos moitos contenciosos que nos vemos obrigados/as a presentar, xudicializando a negociación colectiva que a patronal (neste caso o Goberno local) se salta á toureira”, critica. Diante disto, insta ao Concello a “tomarse en serio” a negociación colectiva e a tratar os temas nas mesas de negociación “e non nas reunións de despacho”.