A CIG gaña as eleccións na empresa ourensá Irosa, unha das louseiras máis importantes de Galiza

A central logrou 6 dos 8 representantes no colexio de especialistas co 70% dos votos
Valdeorras - 14 Mar 2019

A CIG gañou amplamente as eleccións sindicais que se veñen de celebrar en Irosa, empresa de Valdeorras da industria da rocha ornamental, ao lograr 6 dos 8 delegados/as do comité que se escollían no colexio de especialistas. Trátase dunha das compañías máis importantes do sector e nela traballan máis de 200 persoas.

No proceso electoral a CIG obtivo 113 votos (72,44%) e 6 representantes; CCOO sumou 28 votos e 1 representante, mentres que a UGT logrou 15 apoios e outro representante. O noveno delegado do comité, que se escollía no colexio de técnicos/as, foi, como vén sendo habitual na empresa, para “grupo de traballadores/as”. 

Agardamos que este resultado sirva de exemplo para outras empresas dun sector que ten unha patronal antisindical

Dende a Unión Local da CIG de Valdeorras valoran moi positivamente un resultado “que vén recoñecer o importante traballo realizado polo anterior comité de empresa e polo noso sindicato, que tiña 5 delegados, nuns anos especialmente difíciles para o sector en xeral e para a empresa Irosa en particular”.

Ao mesmo tempo, salientan que a capacidade de negociación, “ben combinada coa firmeza sindical”, que levou a convocar distintas mobilizacións e folgas intermitentes, “foron pezas chave dun importante triunfo electoral que pretendemos sirva de exemplo para outras empresas da lousa, que sempre se caracterizaron por ter unha patronal totalmente antisindical e antidemocrática”.