A CIG gaña as eleccións sindicais na UTE Tecman-Rayma

Revalida a maioría ao obter catro dos cinco delegados/as que se elixían
Ferrol - 19 Xan 2021

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais e de revalidar a maioría absoluta que ten no comité da UTE Tecman-Rayma, que se encarga do mantemento de Navantia, ao obter catro delegados dos cinco que conforman o comité, mentres que o outro representante foi para a candidatura de CCOO.

Para a CIG-Industria este resultado avala o intenso traballo sindical desenvolvido nestes últimos catro anos polos representantes da central nacionalista, "que teñen amosado unha combatividade que é todo un exemplo na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares do naval".

En pleno conflito agora polas prexudiciais consecuencias das condicións que Navantia impón no novo contrato de mantemento, a CIG reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos de todo o persoal, nomeadamente do dereito á subrogación cuxo recoñecemento no convenio provincial do metal tanto esforzo e loita lles custou ao conxunto dos traballadores/as das auxiliares.