A CIG gaña con maioría absoluta as eleccións sindicais na empresa Clavo Congelados de Caldas

A central logrou 9 dos 13 representantes que se escollían
Caldas de Reis - 20 Set 2019

A CIG vén de gañar con maioría absoluta as eleccións sindicais celebradas recentemente na empresa Clavo Congelados (nome comercial de Clavo Food Factory) de Caldas de Reis ao obter 9 dos 13 delegadas/os que se escollían no comité. Deste xeito, a central amplía a súa representación na compañía do sector de elaborados do mar, que o ano pasado convocou folga e botouse á rúa para reivindicar melloras no convenio colectivo.

A candidatura da CIG foi apoiada por preto da metade do cadro de persoal, formado por 261 traballadoras/es. A central sumou 96 votos no colexio de especialistas, onde presentou 12 candidatos/as e obtivo 9 delegadas/os. COO presentou tamén 12 candidatas/os e colleitou 18 votos (2 representantes), mentres que UGT, tamén con 12 candidatas/os, unicamente logrou 10 apoios (1 delegada/o). 

O persoal do sector de elaborados do mar convocou folga o ano pasado para reclamar melloras no convenio

No colexio de técnicos/as e administrativos/as a CIG presentou unha candidata/o e contabilizou 7 votos, quedando sen representación; ao igual que CCOO, que presentou tamén unha candidata/o e sumou 4 votos; a delegada/o que se escollía por este colexio foi para a UGT grazas aos 9 apoios obtidos pola súa candidata/o.

A central aumenta representación

Deste xeito, tras o proceso electoral a CIG logrou aumentar a súa representación na empresa, pasando de 6 delegadas/os a 9, o que lle dá a maioría absoluta do comité, que se completa con 2 representantes da UGT e outras dúas de CCOO.

Dende a central agradecen a confianza depositada polo cadro de persoal na candidatura da CIG e adiantan que seguirán a loitar con máis forza e determinación se cabe na defensa dos dereitos do conxunto das traballadoras/es da empresa de elaborados do mar, un sector que o ano pasado convocou folga e botouse á rúa para reclamar melloras nas súas condicións laborais.