A CIG impugna no xulgado o pechamento do paridoiro do hospital público de Verín

Presentou un contencioso administrativo e solicitou unha medida cautelar contra a decisión
Verín - 05 Dec 2019

Os servizos xurídicos da CIG presentaron este mércores día 4 un recurso contencioso Administrativo contra a orde do pasado 29 de novembro do Xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras de pechamento dos Servizos de Paridoiro e Pediatría de Urxencias do Hospital Público de Verín.

Ademais do recurso, a CIG solicitoulle ao Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense a adopción dunha medida cautelar de suspensión da orde que está a ser tramitada nesta altura, establecéndose un prazo de cinco días para que o Sergas responda á solicitude da central. 

O Sergas ten un prazo de cinco días para achegar alegacións á solicitude de medida cautelar  por parte da CIG

Unha vez que a medida cautelar foi admitida polo xulgado o Sergas pode presentar as alegacións que estime oportunas, tras o que o xulgado resolverá sobre se acepta ou non a suspensión da orde mentres se substancia o recurso contencioso administrativo interposto.

De aceptarse a medida cautelar a orde de peche ficaría suspendida, o que suporía que o paridoiro continuaría aberto, polo menos até que o xulgado se pronuncie sobre o recurso. De non aceptarse a medida cautelar, a orde seguiría vixente á espera de que os tribunais se pronuncien sobre a legalidade ou non do seu peche.

A CIG decidiu impugnar a orde de peche o paridoiro ao entender que a EOXI fai unha interpretación “esguellada e parcial” dunhas recomendacións -non normativas- que aconsellan a “non apertura” de novas maternidades en zonas con posibilidades de menos de 600 nacementos ao ano; “esquecen que tamén propoñen a revisión e avaliación das opcións, non o pechamento, das maternidades xa abertas con partos inferiores a 600 ao ano”.

A central tamén considera que é nidia a incongruencia da motivación da Xerencia da EOXI ao utilizar unha recomendación (600 partos/ano) para xustificar o pechamento do Paridoiro do Hospital Público de Verín e manter abertos os Paridoiros dos seis hospitais comarcais de Galiza restantes, que tampouco alcanzan esta cifra.

E porque o suposto perigo de perda de destreza dos profesionais sanitarios para atender partos, ao que apela a EOXI para xustificar a supresión do servizo, podería conxurarse -no caso de producirse- sen eliminar o servizo, proporcionando formación aos profesionais ou creando equipos itinerantes (tal e como se viña facendo cos pediatras).

Ademais, a EOXI, para agochar a falta de dotación de pediatras no hospital verinés, (figura imprescindíbel para o funcionamento dun servizo paridoiro) xustificou a decisión de supresión na baixa natalidade da zona e na suposta perda de destreza dos profesionais, “cando algúns especialistas como os pediatras nin sequera poderían ter perdido destreza porque non teñen praza en Verín”.

Conflito laboral corporativo

Outro dos motivos que levou a CIG a presentar o recurso ten que ver co feito de que a decisión de pechar o paridoiro en realidade está relacionada cun conflito laboral corporativo, en concreto do colectivo de pediatras de Ourense. “A Xerencia da EOXI, logo da xubilación do único pediatra de Verín, atopouse coa presión de ter 1200 pacientes de pediatría en lista de agarda, e para solucionar o problema creado por un 'lobby' corporativo decidiu suprimir un servizo público a toda unha comarca, non cunha base normativa, senón cun verniz pseudotécnico que non se cumprimenta en ningún hospital comarcal de Galiza”. 

A Xerencia da EOXI recoñece que os profesionais do hospital verinés van ter que seguir atendendo os partos urxentes que non poidan chegar a Ourense, “mais sen pediatra e sen servizo de paridoiro" 

Ao mesmo tempo, dende a central sosteñen que a decisión non é aceptábel sequera dende o punto de vista da forma da acto administrativo. “Só hai que ver como se comunicou e como se formalizou, xa que se fixo pública nos medios de comunicación apelando á necesidade técnica da súa adopción, mais cando se formalizou por escrito en seis liñas nin se motivou nin se acompañou de informe técnico ningún”.

Tamén denuncia que se falsearon as isócronas dende o distrito sanitario de Verín ao hospital Universitario de Ourense, situándoas en 43 minutos, cando ese tempo só se cumpre nun concello dos 11 que compoñen o distrito.

Lembra así mesmo que a “carteira de servizos” do hospital de Verín recolle as prestacións de Pediatría, Obstetricia, Xinecoloxía e Urxencias e a Lei Galega de Saúde contempla que os distritos sanitarios, como o de Verín, deben contar cun hospital que constitúe o marco de referencia para a coordinación dos dispositivos de atención primaria, hospitalaria e sociosanitaria.

E que a Lei 12/2013, de 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, dispón o dereito dos pacientes á “libre elección de hospital”. Así como que os propios protocolos de transporte sanitario do Sergas recomendan evitar que a muller embarazada paira no transporte a Ourense.

Finalmente, o recurso tamén se basea no feito de que a propia Xerencia da EOXI recoñece que os profesionais do hospital verinés van ter que seguir atendendo os partos urxentes que non poidan chegar a Ourense, “mais sen pediatra e sen servizo de paridoiro”.