A CIG-Industria acusa a Xunta e o Ceaga de “ocultar con propaganda” a dura realidade da automoción

Denuncia a constante perda de postos de traballo e o aumento da precariedade dende o inicio da crise
Vigo - 15 Mar 2017

A federación de Industria da CIG acusa a Xunta e o Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) de “ocultar con propaganda” a dura realidade do sector galego do automóbil e rexeita os últimos datos feitos públicos sobre a primeira industria do país. A central denuncia a constante perda de postos de traballo dende o inicio da crise económica e a precarización das condicións laborais.

Dende a CIG-Industria saíron hoxe ao paso das últimas informacións achegadas polo Goberno galego e polo Ceaga a respecto da situación do sector galego da automoción e rexeitan que se trate de “enmascarar” a realidade dunha industria que non deixou de destruír emprego e de precarizar as condicións laborais dende o inicio da crise en 2008. Así, sinalan que fronte aos 750 postos de traballo que supostamente se terían creado no último ano “a realidade é que temos 5000 empregos menos de man de obra directa dende que comezou a crise económica”.

Neste senso, acusan a Ceaga de “facer trampas aos solitario” ao contabilizar como traballadores/as galegos/as os técnicos/as das factorías viguesas que se atopan en Portugal colaborando na posta en marcha das empresas que deciden instalarse no país veciño. “Non hai que esquecer que das últimas 14 empresas da automoción que se instalaron na Eurorrexión todas ellas foron para Portugal”, lembran.

Denuncian que “tras esta careta de recuperación que queren vender” agóchase un aumento da precariedade laboral que se traduce no incremento do persoal eventual en detrimento do fixo; nun maior índice de contratos a tempo parcial, moitos deles de catro horas diarias; e na creación de categorías de nova entrada con salarios inferiores aos 800 euros (caso de Citroën, Grupo Antolín, PGA, etc.).

Portugal, un problema para o sector galego

Tamén acusan a Xunta de “falar moito” da industria 4.0 (robotización e automatización) “mentres non fai os deberes, xa que temos lembrar que das catro empresas capacitadas para desenvolver o coche autónomo, tres xa están instaladas en Portugal”. Neste senso, valoran que o Goberno galego teña recoñecido finalmente que o país veciño constitúe un problema para o sector galego da automoción e non unha oportunidade.

“Foi a raíz da campaña posta en marcha pola CIG para informar sobre a verdadeira situación na que se atopa o sector que os responsábeis autonómicos comezaron a recoñecer a problemática”, indican. Como punto de inflexión sinalan a recente expulsión do Parlamento galego de tres traballadores da automoción e delegados sindicais da CIG que asistían ao debate dunha moción sobre o sector presentada polo BNG. “Berramos na intervención do conselleiro de Industria porque estaba a mentir descaradamente a a xogar co pan da xente; non se enteran do que está a suceder e non fan nada para remedialo”.

Nesta liña, sosteñen que a Xunta está a repartir millóns de euros en subvencións públicas a empresas do sector sen ningún tipo de contraprestación: “Non van ligadas ao mantemento do emprego nin á calidade do mesmo, pero tampouco a un desenvolvemento tecnolóxico que garanta o futuro do sector”.