A CIG-Industria gaña as eleccións sindicais en Cibrauto, concesionario da marca Fiat en Ourense

A central logrou o delegado de persoal a pesar de que a dirección tomou partido para evitalo
Ourense - 09 Mai 2017

A federación de Industria da CIG de Ourense vén de gañar as eleccións sindicais celebradas na empresa Cibrauto, concesionario da marca Fiat. A central nacionalista logrou o delegado de persoal a pesar de que a dirección tomou partido para evitar que tivese representación.

Dende a CIG-Industria valoran moi positivamente o resultado conseguido en Cibrauto e lembran que até o de agora o delegado de persoal pertencía á UGT. “Ademais hai que ter en conta que a dirección sempre tomou partido para que a nosa central sindical non obtivera representación”, denuncian.

Diante disto, na federación consideran un éxito a obtención do representante, “toda vez que dende a patronal ACAUTO están a intentar a ruptura do convenio do siderometal para poder desregular a xornada e que se traballe os sábados”.