A CIG-Industria gaña as eleccións sindicais na empresa ourensá Gutterkel

A central sumou 11 votos e obtivo o delegado de persoal que se escollía

Ourense -

A federación de Industria da CIG vén de gañar as elecccións sindicais celebradas recentemente na empresa ourensá Gutterkel ao sumar 11 votos fronte aos 10 da UGT. Deste xeito, a central obtivo por primeira vez o delegado de persoal que se escollía, en detrimento da UGT.

Dende a CIG-Industria de Ourense valoran moi positivamente o resultado acadado nesta compañía dedicada á fabricación de canalóns de aluminio. “Os traballadores/as desta empresa, historicamente con representación da UGT, reforzan con esta decisión a recente sinatura por parte da nosa central sindical do convenio do siderometal de Ourense, no que se logrou manter a xornada laboral de luns a venres”.

Finalmente, amosan o seu desexo de que nos vindeiros catro anos se poidan cumprir as expectativas no que respecta á defensa dos intereses do cadro de persoal e trasládanlle o seu agradecemento aos traballadores/as de Gutterkel pola confianza depositada no proxecto sindical que representa a CIG.

Volver