A CIG-Industria informará a veciñanza da bisbarra de Vigo sobre a verdadeira situación do sector naval

A central denuncia que a Xunta do PP está disposta a deixar desaparecer unha industria extratéxica para o país
Vigo - 06 Xun 2016
Responsábeis da CIG-Industria presentaron hoxe en rolda de prensa a campaña que desenvolverán para informar á veciñanza da bisbarra de Vigo sobre a situación real que atravesa o sector naval e denunciar que a Xunta do PP está disposta a deixar que desapareza unha industria estratéxica para conxunto do país.

O secretario nacional da federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, compareceu publicamente xunto os responsábeis nacional e comarcal do Naval, Emilio Cagiao e César Rodríguez, para anunciar o inicio dunha campaña informativa na bisbarra viguesa co obxectivo de concienciar ao conxunto da veciñanza sobre a grave crise que padece o sector. Na rolda de prensa, na que participaron delegados da central nas empresas Barreras, Metalships e Freire, tamén deron conta dos contactos mantidos cos distintos grupos políticos con representación no Parlamento galego.

Bouzas explicou que os grupos parlamentares de PSOE, AGE, BNG e Grupo Mixto amosaron o seu apoio ás demandas da CIG (en especial á entrada da Xunta de Galiza nos consellos de administración dos principais estaleiros e á creación por parte do Goberno central dun fondo de compensación para traballadores/as do sector), mentres o PP se opuxo. “Este partido dixo que baixo ningún concepto apoiaría a entrada da Xunta nos consellos de administración, até o punto de que chegaron a afirmar que estarían dispostos a deixar que desapareza o sector no caso de que a xestión privada non se demostre eficaz”, denuncian.

Dende a central reiteraron que o Goberno galego ten que “dar a cara” xa que entregou importantes cantidades de diñeiro público a algunhas destas empresas. “Financiaron con dous millóns de euros a compra de Barreiras por parte de Pemex e permitiron unha quita do 80% no concurso de acredores de Vulcano”, sosteñen.

Neste senso, inciden en que a entrada nos consellos de administración non supón a achega de máis capital, “senón que significa ser corresponsábel das decisións que se toman”, ademais de favorecer a estabilidade do sector porque xeraría confianza nos armadores.

Sector abocado á desaparición

Tras a rolda de contactos grupos políticos, a CIG considera que a situación do sector é moito máis preocupante, ao ver confirmadas as súas sospeitas a través do partido que sostén o Goberno galego de que a Xunta non pensa “tomar cartas no asunto” para rematar coa grave crise que ameaza con facer desaparecer unha industria estratéxica para o país. Así, a central adianta que para o verán non haberá máis de 1000 traballadores/as activos/as en todo o sector da Ría de Vigo. Isto significa que dende o ano 2000 se perderon máis de 4000 postos de traballo directos, segundo datos do propio Ministerio de Industria.

Esta situación está a ter unha repercusión directa sobre a economía da bisbarra, tendo en conta que as estimacións oficiais calculan que por cada emprego que se perde no sector desaparecen tres postos de traballo indirectos (industria auxiliar, transporte, etc.), ademais de afectar gravemente aos servizos (comercio, hostelería, etc). Será precisamente nestes sectores onde se centrará en maior medida a campaña de información da CIG, ademais de no propio sector, “porque a veciñanza en xeral ten que ser consciente do que suporá para a súa economía a desaparición do naval”.

Por iso editarán milleiros de cartaces que recollen os principais datos de perda de emprego e das consecuencias que ten para a economía comarcal, que serán repartidos por toda a bisbarra. “A xente ten que visualizar que antes, cando había un conflito no sector, saían á rúa 10.000 traballadores/as, pero agora saen 600-700, o que dá mostra da situación real que temos”, engaden. Ademais da compaña informativa, que se desenvolverá durante dous meses, na central barallan a convocatoria de mobilizacións.

Finalmente, critican que, como sucede cada vez que se achega unha campaña electoral, o sector é utilizado pola Xunta do PP como propaganda para captar votos, cando son responsábeis da crise que padece pola súa complicidade coa mala xestión que tiveron as empresas. Como exemplo puxeron o anuncio por parte do presidente do Goberno galego de que Barreras ía construír 21 buques para Pemex, pero que finalmente foron só dous.

“O propio ministro de Industria tivo a desfachatez de asegurar hai pouco tempo en Vigo que o sector está recuperado e que ten carga de traballo, cando as cifras oficiais amosan que nos atopamos diante dunha industria abocada á desaparición se non hai unha aposta seria por parte das Administracións públicas”, rematan.