CIG-Industria inicia campaña no naval vigués para desmontar discurso patronal da falta de profesionais

Denuncian o interese das empresas en traer traballadores/as de fóra en condicións laborais máis precarias

Vigo -

A federación de Industria vén de poñer en marcha unha campaña de información no naval vigués para desmontar o discurso patronal da falta de profesionais no sector. Dende a central denuncian que detrás destas afirmacións do empresariado agóchase o interese dos estaleiros e das compañías en traer persoal de fóra en condicións laborais máis precarias.

Delegados/as e dirixentes da CIG- Industria están a levar a cabo nos últimos días un intenso calendario de reparto de panfletos ás portas dos principais estaleiros da Ría de Vigo co obxectivo de desmentir as informacións que nas últimas semanas recollen os medios de comunicación no sentido de que escasean os profesionais que poidan asumir a carga de traballo existente na actualidade.

“Falan de falta de profesionais como se un virus repentino varrera cos máis de 10.000 traballadores/as do sector, e acto seguido anuncian a necesidade de traer persoal de fóra que asuma esta carga de traballo”, segundo se indica nos escritos que se lle están a entregar aos operarios/as do sector.

Neste senso, dende a CIG lémbranlle ao empresariado que os traballadores/as non desapareceron, “foron despedidos/as e tiveron que emigrar para buscarse a vida logo da desfeita e do abandono do sector naval nos últimos seis anos”. Ademais, pregúntanse se cando se fala de falta de persoal estase a ter en conta aos traballadores/as maiores de 55 anos, “excelentes profesionais abandonados á súa sorte cun subsidio miserento despois dunha vida levantando o sector naval”.

Critican tamén que estes anos de parálise do naval fosen utilizados por diversas empresas do sector, coa complicidade dalgúns dos estaleiros, para precarizar as condicións salariais, forzar a prolongadas xornadas de traballo e relaxar a prevención no traballo.

Aproveitarse dos traballadores/as estranxeiros/as

Con respecto á suposta necesidade de botar man de persoal de fóra do país, sosteñen que sempre que se falou no sector naval de traer traballadores/as estranxeiros/as, “e xa temos exemplos noutras épocas”, estes/as foron utilizados/as para vulnerar o convenio con condicións en precario, o que provoca unha competencia desleal cos operarios/as e coas empresas da comarca. “O debate non é de onde son os traballadores/as, senón cales son as condicións de traballo que lles van aplicar; porque aproveitarse da necesidade dos traballadores/as estranxeiros/as si que é racismo”.

A maiores, denuncian “o novo cancro do sector” que representan as empresas multiservizos, avaladas por algúns dos estaleiros da ría, que xa foron denunciadas ante Inspección de Traballo polos seus propios comités. “A prioridade nestes momentos debe de ser recuperar unhas condicións laborais dignas, respectar o convenio provincial do Metal e crear as condicións axeitadas para a recuperación dos profesionais emigrados/as”.

Finalmente, adiantan que a CIG seguirá a denunciar o deterioro das condicións de traballo e os graves incumprimentos do convenio por parte dalgunhas empresas, “solicitando a colaboración dos traballadores/as para levalas adiante, ademais de seguir presionando a Inspección de Traballo para que cumpra co seu deber de velar polas condicións laborais”.

Volver