A CIG-Industria solicita a convocatoria urxente da comisión negociadora do convenio do siderometal de Ourense

A central iniciará tamén unha recollida de sinaturas para rexeitar a pretensión patronal de ampliar a xornada á fin de semana
Vigo - 07 Xul 2016
A federación de Industria da CIG rexistrou este martes un escrito na Confederación de Empresario de Ourense solicitando a convocatoria urxente da comisión negociadora do convenio do siderometal. Ademais, a central nacionalista iniciará unha recollida de sinaturas para rexeitar a pretensión patronal de amplar a xornada á fin de semana.

Unha delegación da CIG-Industria de Ourense, encabezada polo secretario comarcal, Indalecio Gómez, formalizou este martes a presentación dun escrito na sede da Confederación de Empresarios solicitando a convocatoria da comisión negociadora do convenio provincial do sector do siderometal co obxectivo de que se retomen as conversas para renovar un acordo laboral que caducou en 2012.

Ao mesmo tempo, dende a central nacionalista anunciaron que iniciarán unha recollida de sinaturas entre os traballadores/as do sector para que amosen o seu rexeitamento á pretensión da patronal de desregularizar a xornada laboral abrindo a posibilidade de traballar en fin de semana.

Neste senso, lembran que o descanso durante a fin de semana foi un dereito conquistado polos empregados/as dun sector que secundou de xeito maioritario as dúas xornadas de folga convocadas recentemente pola CIG en defensa deste dereito e para reclamar un convenio colectivo xusto.