A CIG informa o persoal de Servicarne do proceso que se inicia tras a resolución da Inspección de Traballo

Deberán presentar reclamacións individuais para recuperar as cotas de autónomo/a dos últimos 4 anos
O Porriño - 27 Mar 2018

A FGAMT-CIG celebrou hoxe unha asemblea con persoal de Servicarne que traballa nas instalacións de Frigolouro no Porriño para informarlles sobre a resolución da Inspección de Traballo que obriga a falsa cooperativa a dalo de alta no réxime xeral de seguridade social e orientalos/as no proceso que se inicia a partir de agora. Entre outras cousas, a central trasladoulles que unha vez que reciban a comunicación da autoridade laboral terán que presentar reclamacións individuais para que lles devolvan as cotas de autónomo/a que pagaron nos últimos catro anos.

A asemblea de hoxe tivo lugar tras as celebradas en Ourense e Lugo, as outras dúas provincias galegas nas que tamén hai falsos/as autónomos/as de Servicarne traballando para empresas como Coren, Novafrigsa -tamén do grupo Coren- ou Grupo Sada, nun número que no conxunto do país pode superar o milleiro.

Pois ben, tal e como lles informou a CIG, a partir de que reciban a comunicación da Inspección de Traballo -que se produciu a raíz das máis de 100 denuncias tramitadas pola central- iniciarase o proceso mediante o que a empresa deberá dalos de alta no réxime xeral da Seguridade Social, aínda que lles advertiron de que será un proceso longo porque con toda seguridade presentarán recursos.

Paralelamente os traballadores/as deberán tramitar reclamacións individuais para solicitar que se lles devolvan as cotas de autónomo/a que abonaron nos últimos catro anos. Ademais, no caso de Frigolouro, a Inspección de Traballo xa lle comunicou á empresa que ten que proceder a converter os falsos/as autónomos/as que traballan nas súas instalacións -arredor de 260- en persoal propio antes do vindeiro mes de novembro, medida que seguramente se estenderá ao resto de compañías usuarias en breve.

Dende a FGAMT-CIG valoran moi postitivamente a resolución da autoridade laboral xa que entenden que vén a darlle a razón á central cando sostiña que estes/as traballadores/as son falsos/as autónomos/as que padecen unhas condicións laborais propias do que na CIG dan en chamar “escravitude 2.0” e que lle fan dumping laboral ao persoal propio das empresas usuarias, precarizando as condicións de traballo.