A CIG inicia unha campaña contra os despidos e os incumprimentos de Froiz na provincia de Pontevedra

A central denuncia rescisións de contrato inxustas e arbitrarias e excesos de xornada sen pagar
Pontevedra/Vigo - 16 Mar 2018

Os delegados/as da CIG no comité da cadea de supermercados Froiz na provincia de Pontevedra veñen de iniciar unha campaña de mobilizacións contra os despedimentos e os incumprimentos de convenio por parte da compañía, sobre todo co que ten que ver cos excesos de xornada sen remunerar. As protestas, que comezaron onte cunha concentración diante dun establecemento pontevedrés, trasladaranse nos vindeiros días á comarca de Vigo.

Entre os motivos das protestas atópanse os despidos “improcedentes, inxustos e arbitrarios” que se produciron nas localidades de Salvaterra e Navia e os incumprimentos do convenio provincial de Alimentación, sobre todo co que ten que ver cos excesos de xornada “que a empresa non abona a pesar de que son horas extraordinarias que impón”. Mais tamén a denegación dos días de asuntos propios e das licenzas.

Estas cuestións foron denunciadas diante da Inspección de Traballo, “que levanta actas con sancións mínimas que o grupo Froiz recorre no Contencioso para dilatar o proceso e continuar a obrigar o persoal a facer horas extra que nunca cobran”. Dende a CIG-Servizos reclámanlle á dirección que sente a negociar para rematar con esta situación.