A CIG insta a Xunta a convocar o cerco e as organizacións sindicais para traballar nunha proposta galega para o sector

Representantes da central participaron na xuntanza de Madrid onde o secretario xeral de Pesca confirmou que non cambiarán o reparto das cotas
Vigo - 14 Xan 2016
A FGAMT-CIG insta a Xunta de Galiza a convocar ao cerco e ás organizacións sindicais para traballar nunha proposta galega para o sector despois de que o secretario xeral de Pesca confirmase hoxe que non haberá modificacións no sistema de reparto das cotas. Dende a central sosteñen que "ou Feijóo e a conselleira do Mar se comprometen a abrir portas ou será a súa responsabilidade arruinar o medio de vida de centos de familias e a economía de moitos concellos costeiros".

Unha representación da FGAMT-CIG formada por Xabier Aboi e Suso García participou hoxe na xuntanza celebrada en Madrid co secretario xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medioambiente. Ao remate da reunión, dende a central nacionalista amosaron a súa satisfacción polo feito de que cando menos se tivese celebrado o encontro, “porque así sabemos o que pensa o sector noutras partes do Estado e sobre todo o que está disposto a facer o Goberno español”.

Neste senso, o secretario xeral de Pesca confirmou non vai haber modificacións no sistema de reparto das cotas. “Din que hai dificultades porque o Goberno está en funcións, mais o problema de fondo é o de sempre: Madrid escúdase en que é a Xunta a que debe facer unha proposta consensuada co sector”.

Deste xeito, dende a FGAMT-CIG entenden que a Xunta ten que “mover ficha” para abrir portas de futuro para o sector, mais denuncian que o problema é que o Goberno de Feijóo “non exerce nin defende a xente do mar, xa que até o de agora actuaron con desidia, son uns incompetentes; non é normal que estean os mariñeiros e as familias acampadas máis de 80 días en Santiago e mobilizándose polo seu traballo e a Xunta só se sente a recibilos cando a situación é desesperada, e aínda así a esa reunión nin tan sequera asistiu o presidente”.

Recoñecen que o sector esta dividido, mais consideran que isto debe ser escusa para que a Xunta non se sente a dialogar para buscar puntos de encontro que permitan un reparto máis xusto e que ningún barco sexa desgazado. “A conselleira do Mar debera deixarse de marear, enganar, intoxicar e manipular a opinión pública e de insultar os mariñeiros e as súas familias por mobilizarse”.

Ao mesmo tempo, aseguran ter claro que dende Madrid non se van solucionar os problemas do sector pesqueiro galego e do cerco en particular. “Por iso defendemos que o Goberno galego ten que moverse e solicitámoslle á Xunta que convoque novamente a todo o sector e ás organizacións sindicais a unha reunión para traballar nunha proposta galega do cerco; ou Feijóo e a conselleira se comprometen a abrir portas ou será a súa responsabilidade arruinar o medio de vida de centos de familias e a economía de moitos concellos costeiros”.