A CIG logra 8 de 9 representantes en Viveiros Río Tollo de Tomiño a primeira vez que se celebran eleccións

Trátase da maior empresa de comercialización de plantas do Baixo Miño, con 122 persoas traballadoras
Tomiño - 14 Out 2026

A CIG vén de lograr 8 de 9 representantes no comité de empresa de Viveiros Río Tollo a primeira vez que se celebran eleccións sindicais nesta compañía de Goián (Tomiño) dedicada á comercialización de plantas e que conta con 122 persoas traballadoras.

Tras o proceso de votación que tivo lugar onte a representación sindical queda integrada por 8 delegados/as da CIG e por 1 de CCOO. A central nacionalista obtivo un total de 95 votos: 88 apoios no colexio de especialistas (7 representantes), fronte aos 13 do sindicato estatal (1 representante); e 7 de 9 no colexio de persoal técnico e administrativo, ao que concorreu unha única candidatura, da CIG.

A central sumou 95 votos, fronte aos 13 obtidos por CCOO

Nas eleccións sindicais -as primeiras celebradas nos 27 anos de historia de Viveiros Río Tollo- participaron 101 das 122 persoas traballadoras dunha empresa que na actualidade é o maior viveiro de plantas da comarca do Baixo Miño.

Dende a central sindical agradecen o maioritario apoio colleitado entre o cadro de persoal e adoitan a súa disposición a loitar pola mellora das condicións salariais e laborais. En concreto, sinalan unha serie de reivindicacións que pretenden negociar de xeito urxente coa dirección: que a antigüidade non sexa absorbida pola suba do SMI, garantindo así o aumento real do salario; que vacacións sexan de 30 días, en vez dos 29 días actuais; regular as categorías; plan de igualdade entre homes e mulleres; mellorar as licenzas; e incrementar a prevención de riscos para evitar as lesións músculo esqueléticas.