A CIG logra os tres delegados de persoal que se elixían na canteira porriñesa David Fernández Grande

A federación da Construción fíxose coa representación sindical da empresa tras desbancar a UGT

O Porriño -

A federación de Construción da CIG de Vigo vén de gañar as eleccións sindicais celebradas en David Fernández Grande, empresa do sector das canteiras con sede no Porriño, ao lograr os tres delegados de persoal que se escollían. Tratouse da primeira vez na que se elixiron tres representantes, xa que nos dous procesos electorais anteriores unicamente se escolleu un, sendo o máis votado nas dúas ocasións o representante da UGT, que agora queda sen representación na empresa.

Mais tras a ampliación do cadro de persoal -que agora integran 34 traballadores/as- a representación sindical pasou a tres delegados, saíndo escollidos os candidatos da CIG, que obtiveron 22, 22 e 21 votos (65 en total). Pola contra, os tres candidatos propostos pola UGT sumaron unicamente 4, 4 e 5 apoios (13 en total), polo que o sindicato estatal queda sen representación na empresa. 

Dende a central sinalan que o resultado é froito do intenso traballo desenvolvido no que ten que ver coa saúde laboral no sector

Dende a CIG-Construción agradecen o apoio recibido por parte do cadro de persoal e sinalan os resultados son froito do intenso traballo desenvolvido pola central no que ten que ver coa saúde laboral dos traballadores/as do sector.

Proposición non de lei

En concreto, citan a proposición non de lei tramitada no Parlamento español a iniciativa da CIG para aumentar os coeficientes redutores da idade de xubilación dos afectados/as por silicose.

“Tamén estamos a pelexar para que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISGGA) de Rande, en Redondela, sexa o centro de referencia para levar a cabo as revisións desta enfermidade profesional para que as persoas afectadas non teñan que desprazarse até Uviéu”, indican dende a federación.

Volver