A CIG manifesta a súa solidariedade coas máis de 1.500 persoas en folga de fame nos cárceres palestinos

Hai persoas que xa sofren un grave deterioro da súa saúde

Internacional -

A CIG manifesta a súa solidariedade cos/coas máis de 1.500 prisioneiros e prisioneiras palestinas en folga de fame –sen inxeriren vitaminas, nin glucosa, tan só auga e sal- desde hai xa 11 días. Unha situación que non permite que o corpo resista máis alá dos 20 días. A CIG demanda de Israel que atenda aos dereitos básicos que reclaman para ter unhas condicións dignas nos cárceres, nomeadamente atención médica axeitada, visitas familiares e poderse comunicar coas súas familias e considera que, do contrario, será responsábel das súas mortes.

Segundo as informacións que se veñen recibindo desde distintos medios palestinos, desde Esculca, desde a Coordenadora Europea de Organizacións e Asociacións Por Palestina, de cuxo Comité Directivo forma parte a CIG, e dos contactos que temos nen Israel e Palestina (estivemos alí recentemente), hai persoas que xa sofren un grave deterioro da súa saúde, incluíndo a Maslama Thabet, Muhammad Abed-Rabu e Amjad Al-Namoura.

Ademais, as administracións penitenciarias continúan a tomar represalias, confiscando as súas pertenzas e mesmo o sal, utilizado como antiséptico para protexeren o instestino e o bandullo baleiros. Xunto a isto prohíbenlles ver a televisión, redúcenselles os tempos de descanso,  son pechados en confinamento solitario e trasladados dun cárcere a outro.

Para a CIG resulta indignante a posición que mantén Israel e nomedamente Avigdor Lieberman, ministro de defensa israeli, quen informou na súa páxina de facebook que propuxo ao gabinete tratar as/os grevistas como Margareth Thatcher fixo no seu día cos militantes do IRA, tamén en greve de fame para reclamaren dereitos básicos nas prisións, isto é, deixar que morran (como morreu Bobby Sands).

Horen Hazan, parlamentar da Knesset, declarou que agarda que morran todas as persoas que participan da greve de fame porque non hai espazo para eles nos cárceres israelis mais si o hai baixo a terra. E, nun alarde de bo falar, concluiu: "Se son homes, que continúen coa súa greve de fame até morrer".

Accións de protesta

Diante desta situación, a CIG súmase tamén á campaña de boicot dos produtos israelís, formando parte desde hai tempo do BDS (Boicot, Desinversións e Sancións a Israel) e chama a non consumilos para presionar a nível mundial e que se atendan as demandas dos/das prisioneiros/as e manifesta o apoio ao resto das accións solidarias previstas:

Chamado a xornalistas da Palestina a participaren na greve de brazos caídos convocada para o dia 27/04 e nos actos programados para as 11:000.

Chamado do Comité Nacional Palestino a un paro xeral o 27/04 e lanzamento dunha campaña para boicotar todos os produtos do ocupante israeli.

Chamado dun grupo de activistas e xornalistas á divulgación en redes sociais nunha campaña masiva ás 20:00 (hora palestina) para apoiar a greve usando o hashtag: اضرابالكرامة و و #dignitystrike שביתתהכבוד.

Xunto a isto, os avogados e as avogadas das institucións palestinas que leven casos das persoas detidas boicotarán os tribunais de ocupación en resposta ás represalias levadas a cabo polas autoridades de ocupación tais como o isolamento dos detidos en greve de fame e a negativa de comunicación con avogados e visitas familiares.

Desde a CIG, todo o noso apoio e solidariedade cos presos/as e o pobo palestino.

Volver