A CIG medra en votos e mantén dous representantes no comité de empresa da Deputación de Ourense

A central mellorou o resultado obtido hai catro anos entre o persoal laboral a pesar da campaña en contra
Ourense - 21 Xan 2020

A federación de Administración da CIG medrou en número de votos nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na Deputación de Ourense e logrou manter dous representantes no comité de empresa a pesar da campaña en contra da institución provincial.

A CIG obtivo un total de 59 votos entre o persoal laboral, xa que non presentou candidatura no colexio de funcionarios/as. Este resultado colócaa como terceira forza sindical do ente provincial, só por detrás da CSIF (201 votos e 7 delegados/as) e de CCOO (96 votos e 4 delegados/as). UGT sumou 49 votos e 2 representantes, mentres que USO quedou sen delegados/as ao contabilizar só 16 apoios. 

A central logrou representación no ente provincial por primeira vez hai só catro anos

Deste xeito, a CIG foi quen de conservar a representación lograda hai catro anos, cando entrou por primeira vez no comité de empresa da Deputación. E fíxoo a pesar da forte implantación e o despregue de CSIF e a campaña en contra promovida dende a institución provincial.

O proceso que se vén de celebrar rexistrou un participación moi alta, xa que votaron 442 traballadores/as dun total de 474, o que supón un 93,25%. A CIG chegou ás votacións co aval do intenso traballo sindical desenvolvido na Deputación neste tempo e tras lograr botar a baixo o concurso interno mediante o que se pretendía 'enchufar' a determinadas persoas.