A CIG mobilízase contra a "ruína do pobo galego" que suporán o TTIP e CETA

Os actos de protesta coinciden cunha xornada internacional de rexeitamento aos tratados que a UE negocia cos EEUU e Canadá

Compostela -

A CIG mobilizouse este sábado á mañá contra o TTIP con concentracións de seu na Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra. Os actos de protesta coincidiron cunha xornada internacional, convocada pola Plataforma Alter Summit –da que fai parte a central sindical- en rexeitamento aos tratados internacionais que se están a negociar polas graves consecuencias que terán para a nosa economía, para o emprego e para a soberanía. Pola tarde, a central participou en Vigo nunha manifestación que reuniu máis de 1.500 persoas, secundando o chamado da plataforma galega "Non ao TTIP".

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, que participou na concentración celebrada en Compostela, lembrou que a central nacionalista leva dous anos mobilizándose e convocando actos para alertar do impacto dos tratados que se están a negociar tanto con Canadá como cos EEUU terán “sobre as nosas condicións de traballo e de vida”.

Mobilizacións que foron multitudinarias en países como Holanda, Bélxica, Francia ou Alemaña pero que recoñeceu que aquí non tiveron grande impacto polo “silenciamento” enorme que sobre estas materias hai nos medios de comunicación o que, ao seu entender “denota até que punto o capital está intentando que non se coñeza o seu contido”, porque quen está nas negociacións son “os grandes lobbys económicos, que son tamén quen controlan os grandes medios”.

Seixo sinalou que en realidade ambos os tratados teñen detrás a mesma filosofía. “O que buscan é favorecer cada vez máis o control dos mercados: o laboral, o de mercadorías ou o financeiro… por parte das grandes empresas multinacionais tanto europeas como norteamericanas”.

Advertiu que baixo a aparencia de que veñen favorecer o incremento do crecemento económico e a creación de emprego, o que hai realmente é “un intento por parte das multinacionais de controlar cada vez máis o mercado, en detrimento dos dereitos da cidadanía en multitude de materias: laboral, sanitaria, alimentación, medioambiente…”.

Subliñou que so pretexto de eliminar barreiras arancelarias o que se pretende é suprimir outro tipo de barreiras que teñen que ver coa lexislación en materias como a laboral, mediambiental, alimentaria ou financeira, entre outras. “O que se pretende a través da creación do Consello de Cooperación Reguladora, integrado por funcionarios e altos cargos dos respectivos gobernos, é ir cara un proceso de harmonización de toda a lexislación que vai buscar igualar pola baixa toda a normativa nese tipo de aspectos”.

Atenta contra a soberanía

A este respecto alertou de que, en xeral, a normativa en EEUU ou Canadá é máis permisiva que a europea e de que isto influiría non só na lexislación actual, senón tamén na futura no sentido de que “se por parte dos gobernos se pretende levar adiante calquera tipo de lexislación que as multinacionais respectivas entenden que pode prexudicar os seus investimentos ou marxe de beneficios, poderían terminar poñendo dificultades a que iso poida ser finalmente aprobado polos Parlamentos”.

Para Seixo isto “atentaría contra a soberanía dos estados fronte o poder das empresas multinacionais” e advertiu que mesmo está contemplado un mecanismo para dirimir posíbeis conflitos entre investidores e estados: os denominados Tribunais de Arbitraxe, integrados por xuristas, “moitos deles vinculados a grandes despachos que traballan para as grandes empresas, co cal en moitos casos farían de árbitros e noutros de avogados das propias patronais que lles mandan”.

O secretario xeral da CIG indicou que isto xerará “graves prexuízos” para os intereses da clase traballadora e para os intereses en xeral de Galiza. “Non esquezamos que aquí hai sectores cun peso importante na nosa economía como o agrogandeiro, ou o da automoción, nos que a economía de EEUU ten un peso  enorme. Son grandes empresas coas que terían que competir eses sectores da nosa economía; grandes empresas que producen a custes moito máis baixos e, polo tanto, que en moitos casos o que nós producimos tanto nun sector como no outro non sería competitivo cos prezos de EEUU”.

Diante disto considerou que en Galiza correriamos o risco de que tiveran que pechar moitas das nosas explotacións gandeiras, albiscou serias dificultades para o sector de automoción e alertou da perda de postos de traballo que iso provocaría. Por iso concluíu que “do punto de vista do emprego, das condicións de vida e en materia sanitaria, alimentar ou mediambiental suporía un retroceso enorme se vai adiante calquera acordo de libre comercio tanto con Canadá como EEUU”.

Mobilizacións contra o CETA

Suso Seixo anunciou ademais que a CIG convocará outra mobilización, previsibelmente na Coruña, se se confirma que a finais deste mes –todo indica que o día 27- se leva a debate e para a súa aprobación o CETA ao Parlamento europeo.

Volver