A CIG mobilízase contra a represión sindical na empresa Lonza do Porriño

A farmacéutica impide o acceso do delegado de persoal ao seu posto
O Porriño - 16 Dec 2020

Representantes sindicais da CIG mobilizáronse hoxe nos exteriores da empresa Lonza no Porriño en resposta a un caso de represión sindical, xa que a compañía farmacéutica leva tempo impedindo o acceso ás súas instalacións do delegado de persoal, que pertence a unha contrata de mantemento.

Coa protesta de hoxe a central sindical quere amosar o seu rexeitamento á actitude da empresa e reclamar que se lle permita regresar ao seu posto. O afectado é traballador da empresa ISS, contrata do servizo de mantemento de Lonza, e leva prestando servizo para a farmacéutica dende hai 15 anos.

O pasado mes de outubro foi sancionado con 20 días sen emprego nin soldo por supostamente ter cometido un erro durante unha reparación, que en todo caso non supuxo ningún tipo de consecuencia, nin económica nin de afectación á produción.

A CIG presentou un recurso contra a decisión da empresa, que optou por retirar a sanción durante o acto de conciliación do SMAC tras recoñecer que o erro non fora tal. Como o traballador xa a cumprira, tivo que abonarlle os días nos que estivera suspendido de emprego e soldo.

Pero un día antes de que rematasen os 20 días de sanción, a empresa comunícalle que Lonza non quere que se reincorpore ao seu posto. Con todo, intenta acceder ás instalacións, pero na portería impídenlle o paso. A central reclama entón mediante o envío dun burofax que ISS aclare cal é a situación laboral do afectado, ao que a empresa responde que descoñece os motivos polos que Lonza non quere que esta persoa traballe nas súas instalacións e recoñece que a compañía farmacéutica non lle comunicou nada por escrito.

Convocatoria de folga

Na CIG consideran que se trata dunha represalia pola súa actividade sindical, polo que presentaron unha demanda por despido tácito para reclamar a nulidade da rescisión de contrato que presumibelmente se vai producir, xa que o traballador é delegado de persoal e leva dende o pasado 12 de outubro sen poder reincorporarse ao seu posto.

Ao mesmo temo, anuncian que continuarán a mobilizarse para denunciar esta vulneración do dereito de liberdade sindical e non descartan promover unha convocatoria de folga se a dirección de Lonza non cesa na súa actitude e continúa sen permitir o acceso do traballador.