A CIG mobilízase contra o convenio de consultoras acordado por CCOO e UXT coa patronal

Apoia a recollida de sinaturas iniciada en Change.org
Nacional - 13 Dec 2017

O vindeiro venres reúnense CCOO, UXT e a patronal para acordar a sinatura do convenio de “Consultoria, estudios de mercado y opinion publica”. Cando coñeceu o seu contido, a CIG-Banca xa amosou o seu total rexeitamento porque suporá para as traballadoras e traballadores das empresas de informática consolidar a perda do 10% de poder adquisitivo. Por iso anuncia mobilizacións a apoia a campaña de recollida de sinaturas que se puxo en marcha. Asina e apoia un convenio digno

A Axencia para a modernización tecnolóxica da Galiza (Amtega) publicou onte, 12 de decembro, as conclusións dun informe denominado "Diagnóstico ás Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2017" realizado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), órgano asesor dependente directamente desta.

A principal conclusión é que as empresas galegas demandarán máis de 2.900 novos perfís dixitais no período 2016-2018 e que o 70% das empresas do sector tecnolóxico galego consideran difícil ou moi difícil contratar perfís tecnolóxicos adaptados ás súas necesidades. O informe salienta tamén que o volume de negocio das empresas TIC galegas acadou os 2.522 millóns de euros no ano 2016, cun aumento do 2,8% con respecto ao ano 2015, representando o 1,8% do PIB total da Galiza.

Traballadoras/es especializadas/os

Porén, no plano laboral, o estudo pon de manifesto as dificultades que as empresas TIC galegas experimentan á hora de contratar profesionais TIC cos coñecementos e experiencia que requiren, especialmente pola carencia de candidatos coa formación precisa. Máis da metade destas empresas, concretamente o 51%, indicaron tal circunstancia.

Os principais obstáculos sinalados polas empresas á hora de encontrar o persoal TIC axeitado son o descoñecemento en aplicacións, ferramentas e tecnoloxías de interese para a empresa; e a carencia de candidatos con experiencia na actividade sectorial que desenvolven. Ademais, a metade das empresas do sector TIC considera que existe unha carencia de candidatas/os formados en Galicia. Titulares de prensa como "As tecnolóxicas galegas non atopan persoal especializado", subliñan esta carencia.

Emigración de profesionais pola precariedade

Fronte a isto, a CIG-Banca chama a atención sobre o feito de que profesionais do sector consideran que en Galiza si hai o potencial necesario e denuncia que o problema é que a xente con experiencia e capacidade técnica recoñecida está  fóra do país, desde en Silicon Valley, Estados Unidos, até Alemaña, Suecia ou no estado español, en Madrid ou Barcelona.

Unha emigración que explica non por unha cuestión tecnolóxica, por non ter acceso a infraestruturas, software e hardware ou ferramentas que non se poidan empregar directamente desde a Galiza, senón pola precariedade laboral asentada no sector.

“Se o capital humano emigra é porque, sendo humano, está deixando de ser capital. A mellor maneira de demostrar a importancia do factor humano nas TIC é que os soldos reflicten esa importancia, que os convenios colectivos teñan subas acorde, como mínimo, ao IPC sufrido polos traballadores e traballadoras para compensar, cando menos, perdas de poder adquisitivo”, sinalan desde a CIG-Banca.

Aséntase a perda de dereitos laborais e salariais no convenio

Esa precariedade mantense no "Convenio de consultoria, estudios de mercado y opinion publica" que se quere aprobar, para o que hai un acordo que debe ratificarse este vindeiro venres 15 de decembro. Un acordo, que o sindicato UGT xa indicou que vai a asinar e ao que a CIG TIC xa expresou o seu total rexeitamento porque lle dá validez á perda de dereitos do conxunto do persoal.

Cunha inflación acumulada desde 2010, a día de hoxe do 10%, elevación dos períodos de proba para todos os postos de traballo e a creación de 2 e 3 niveis dentro do mesmo grupo profesional, a CIG-Banca entende que o conxunto dos traballadores e traballadoras do sector buscarán “nadar en augas máis quentes antes que afogarse no pozo de precariedade que a patronal e os sindicatos maioritarios queren certificar este vindeiro dia 15”.

Marco Galego de Relacións Laborais

Desde a CIG vense reclamando ao conxunto das forzas sociais un marco galego de relacións laborais e, nomeadamente desde esta sección das TIC, un convenio TIC galego que reflicta a verdadeira situación do sector na Galiza; a importancia do capital humano nas empresas; que substitúa a un convenio estatal desactualizado e lesivo para os intereses da clase traballadora -de confirmarse este novo acordo do día 15 como definitivo-; que aumentará a fuxida do capital humano e incrementará a precariedade laboral nas empresas TIC.