A CIG mobilízase contra uns orzamentos para 2018 que desmantelan e privatizan os servizos públicos

Delegados/as da administración, ensino e sanidade concentráronse no Parlamento

Nacional -

Delegados e delegadas da CIG-Saúde, CIG-Ensino e CIG-Administración concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza para manifestar o seu rexeitamento aos Orzamentos da Xunta de Galiza para 2018, porque avanzan no desmantelamento dos servizos públicos, consolidan a perda de persoal e non permiten a recuperación de ningún dos dereitos laborais, salariais e sociais perdidos.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, asegurou que, ademais de consolidar todos os recortes de dereitos, “manteñen a lóxica das privatizacións de todos estes anos, cunha falta de persoal que dificulta que se cubran as necesidades para reforzar, nun momento de crise como o que aínda vivimos, servizos públicos vitais como Sanidade, Ensino ou os propios servizos sociais”.

Xunto a isto denunciou o Acordo de Estabilidade “vergonzosamente asinado por CCOO, UGT e CSIF e o propio goberno”, que impide recuperar os dereitos “roubados durante estes anos por esta lóxica de políticas neoliberais que, coa estafa da crise, utilizou o PP para desmantelar servizos públicos e deteriorar as condicións laborais e salariais do persoal das administracións públicas”.

Un Acordo que, segundo lembrou a Portavoz da Área Pública da CIG, Mari Carme López Santamariña, reproduce literalmente o ratificado na Mesa do Estado español e “o único que fai é dar cumprimento ás sentenzas europeas sobre a precariedade e a inestabilidade que teñen os cadros de persoal das administracións públicas, pero que continúa coa política de destrución de servizos públicos e non permite a recuperación nin dos postos de traballo suprimidos desde o ano 2010, nin dos dereitos, tanto laborais, como económicos ou sociais, roubados aos traballadores e traballadoras das administracións públicas”.

Falta de profesorado no ensino público

A este respecto, Diego Boquete, secretario de Acción Sindical e Comunicación da CIG-Ensino, engadiu que o Acordo de Estabilidade establece que “non se creará un só posto de traballo que non estea en activo e que non se pode pór un euro máis para a creación de postos de traballo”.

Por iso cualificou as Ofertas de Emprego Público como “ilusorias e irreais” e denunciou que o que van é “botar interinos ou persoal non fixo á rúa, en lugar de crear postos de traballo consolidados para este persoal que leva anos e anos traballando para a Xunta de Galiza”. En concreto respecto do ensino público, asegurou que a OPE non permite recuperar as máis de 3.000 prazas de profesorado recortadas durante todos estes anos.  

Boquete denunciou ademais que os orzamentos tampouco contemplan que as/os traballadoras/es provisionais que traballen máis de cinco meses e medio poidan cobrar o verán. Algo que “acaban de asinar as outras organizacións sindicais nun acordo de substitucións que eles chaman de estabilidade que non é máis que un acordo de colocación”, afirmou.

As retribucións máis baixas do Estado español na Sanidade Pública galega

Pola súa banda a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denunciou que no caso da Sanidade os orzamentos condenan ao seu persoal a seguir sendo o peor retribuído do Estado español. “Mantemos a perda de poder adquisitivo nas retribucións que percibimos pola nosa penosidade, polo traballo a quendas, en noites, domingos e festivos e seguimos a percibir as retribucións máis baixas de todo o estado, malia termos recoñecida, desde o ano 2008, unha equiparación salarial que Feixóo se nega a facer efectiva, coa complicidade do resto de organizacións sindicais”.

Abuín denunciou tamén que co acordo asinado polas organizacións sindicais, agás a CIG, se consolida a taxa de reposición do 100% das prazas que se producen vacantes o ano anterior, “impedindo unha recuperación do emprego estable que había no SERGAS no ano 2009 e amortizando así as vacantes producidas entre os anos 2010 e 2013, nos que se aplicou con maior rigor a taxa de reposición, que só foi do 10’%.

Por iso denunciou que son orzamentos nos que se avanza nas privatizacións. “Porque canto menos cadro de persoal haxa no SERGAS, máis doado o ten o goberno do PP para derivar os doentes á sanidade privada”.

Restricións para a investigación

A secretaria nacional de CIG-Saúde advertiu ademais que os Orzamentos para 2018 “impiden que a investigación pública se consolide en beneficio da asistencia sanitaria pública e non que se derive todo, en función dos intereses da industria farmacéutica, a intereses privados”.

Segundo Abuín este aspecto tamén é consecuencia dos acordos que se asinaron na Mesa de Función Pública por parte das outras organizacións sindicais, ás que convidou a facer un repaso do seu contido. Por iso denunciou que estas “o que están é a facerlle o traballo, ou cando menos de comparsa do Partido Popular”.

Taxa de reposición

Tamén sobre a taxa de reposición chamou a atención o secretario nacional da CIG-Administración, Xavier Picón, porque “fai imposíbel, ao igual que a chamada regra de gasto calquera incremento de prazas que serían necesarias para atender os servizos públicos”. Un condicionante que impide sequera dar cobertura ás vacantes que se produciron en anos anteriores.

Picón demandou, xunto a isto, a recuperación de todos os dereitos suprimidos ao persoal da administración pública en todos estes anos. “Un tema do que nin sequera quixeron falar nas mesas de negociación”. Por iso, concluíu, “temos que valorar estes orzamentos como moi negativos, igual que os destes últimos anos”.

O colectivo de xubilados/as e pensionistas reclamou partidas para dependencia

O Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG mobilizouse tamén xunto coa Área Pública da CIG, na defensa dos servizos públicos e duns orzamentos acaídos para atallar os graves problemas que sofren as galegas e galegos en materia de dependencia.

Neste sentido denunciaron que os orzamentos son insuficientes para abordar as graves carencias existentes en dependencia e atención a persoas maiores e emprazaron ao goberno da Xunta a modificalos para o 2018.

Xunto a isto, exixiron o incremento das partidas dos programas de atención á dependencia, e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantir unha atención adecuada a través dunha rede pública de recursos cun acceso equitativo.

Volver