A CIG mobilízase diante do Colexio Fingoi de Lugo para rexeitar o despedimento do delegado de persoal

A central nacionalista entende que estamos ante un caso claro de represión sindical e demanda inmediata readmisión do traballador
A Coruña - 21 Set 2016
A CIG concentrouse este mércores diante do colexio privado Fingoi (Lugo) en rexeitamento ao despedimento dun traballador e único delegado de persoal da CIG. A central nacionalista entende que estamos ante un novo caso de represión e ataque á liberdade sindical, polo que levará adiante todas as accións que sexan precisas para conseguir a súa readmisión.

Segundo explica o Secretario Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Antonio Niño, dende o colexio alegan causas obxectivas, pretendendo xustificar o despedimento na redución de horas lectivas da súa especialidade (tecnoloxía). Porén, Niño nega que exista tal motivo, engadindo que mesmo en cursos anteriores o traballador estivo impartindo as materias afíns para as que está habilitado. Por iso, xa adiantou que se vai presentar demanda por vía xudicial para reclamar a nulidade do despedimento.

“Trátase claramente dunha represalia por ser delegado da CIG e por ter defendido os dereitos das súas compañeiras e compañeiros”, afirma. Neste senso, Niño incidiu no feito de que neste colexio só haxa dous representantes do persoal (un da CIG e unha independente), cando por número de traballadoras/es terían dereito a escoller tres delegados/as.

Esta falta de cobertura de todas as prazas de representación xa se dera tamén no período anterior, mais daquela a CIG contaba cos dous delegados. “Que desta volta a CIG só puidera presentar un candidato ás eleccións sindicais e os outros sindicatos nin sequera deran presentado a unha persoa xa di moito da calidade democrática do centro”, valorou.

Nesta liña, lamentou tamén que un colexio da traxectoria do Fingoi, no que teñen dado aulas figuras como Ricardo Carvalho Calero e que mesmo contaba cun proxecto cultural de carácter ‘galeguista’, “se teña transformado nunha patronal clásica de colexio privado que se dedica a perseguir a CIG e as traballadoras e traballadores que reclaman os seus dereitos”.