A CIG mobilízase en Ferrol contra as presións, as sancións e o despedimento disciplinario nun super Familia

Denuncia actuacións disciplinarias contra o persoal veterano que se queixa pola sobrecarga de traballo ou reclama que se respecten as súas funcións e categorías
Ferrol - 25 Set 2026

A CIG-Servizos realizou unha concentración este venres diante do supermercado Familia (grupo Vegalsa-Eroski) da rúa Pontevedra de Ferrol para denunciar a sobrecarga de traballo e as presións e actuacións disciplinarias que a empresa está a exercer sobre persoal que conta cunha longa traxectoria profesional.

“Traballadoras e traballadores con anos de antigüidade comezan a ter problemas cando manifestan o seu desacordo coa organización do traballo, coa excesiva carga laboral ou coa realización de funcións que non corresponden á súa categoría profesional”, explicou a secretaria comarcal da CIG-Servizos, Beatriz Fernández.

Apuntou que o último episodio deste mal clima laboral foi o despedimento disciplinario dunha persoa traballadora, cuxas causas alegadas pola empresa a CIG cuestiona e entende que “mesmo deben analizarse no contexto do conflito laboral existente”. Fernández indicou que a persoa despedida viña manifestando o seu malestar pola excesiva carga de traballo que estaba soportando, especialmente ao ter que asumir traballo adicional para cubrir ausencias de persoal.

“Para a CIG, resulta especialmente preocupante que unha persoa cunha longa traxectoria na empresa, que manifesta que non pode continuar soportando unha carga de traballo que considera excesiva, remate sendo obxecto dun despedimento disciplinario”, rexeitou.

Este caso súmase a outras situacións nas que persoal veterano comeza a sufrir presións ou medidas disciplinarias despois de reclamar que se respecten as súas funcións, a súa categoría profesional ou de denunciar exceso de carga laboral.

Neste senso, a secretaria da CIG-Servizos de Ferrol aseverou que protestar por estas cuestións “non pode converter a ningunha persoa traballadora nun obxectivo. Non se pode pretender solucionar a falta de persoal cargando cada vez máis traballo sobre quen permanece no seu posto, nin responder ás queixas e reivindicacións do persoal mediante presións ou medidas disciplinarias”.

Por iso, na concentración deste venres reclamouse do grupo Vegalsa-Eroski que poña fina a estas prácticas, garanta unha dotación de persoal suficiente, respecte as categorías profesionais e estabeleza unhas relacións laborais baseadas no diálogo e no respecto aos dereitos das traballadoras e traballadores.