A CIG mobilízase polo a dereito a unha xubilación digna para todas e todos

Nacional - 09 Mai 2024

Delegadas e delegados da CIG de diversos sectores e actividades laborais concentráronse esta mañá diante da Delegación do Goberno na Coruña e nas Subdelegacións de Pontevedra, Ourense e Lugo "polo dereito de todas e de todos a unha xubilación digna". As mobilizacións prodúcense cando se está a negociar de xeito opaco unha nova reforma sobre xubilación parcial e a implantación de coeficientes redutores que ameaza con introducir novos recortes no sistema público de pensións.

O secretario xeral, Paulo Carril, que participou na concentración da Coruña, criticou que as negociacións entre o Ministerio de Seguridade Social, a patronal, CCOO e UGT se desenvolven de forma "escurantista e ilegal" no chamado diálogo social, fóra dos organismos oficiais de representación institucional tripartita, "e sen respectar os dereitos de representación que temos as  centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG".

De feito, apuntou que a única información que ten a central nacionalista sobre as posíbeis modificacións nestas materias son as que se publicaron nos medios de comunicación. Por iso, exixiu claridade e transparencia nas negociacións porque "non podemos permitir que, unha vez máis, aproben pola porta de atrás unha nova reforma que, chea de propaganda, suporá recortes de dereitos e non dará solución ás reivindicacións que desde hai anos vimos reclamando en moitos sectores e postos de traballo que nos condenan a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico e psíquico".

Neste contexto, a CIG reclámalle ao Goberno español que restabeleza o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores, non só para a industria manufactureira; a xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións; e recoñecer e mellorar os procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.

Estas reivindicacións, indicou Carril, serán trasladas ao secretario de Estado de Seguridade Social na reunión prevista para o vindeiro 16 de maio, na que tamén "reclamaremos que as negociacións teñan lugar nos organismos públicos e que se respecten os dereitos legais de participación e representación institucional".

Na protestas, Carril denunciou os atrancos permanentes para o recoñecemento de coeficientes redutores da idade de xubilación nas profesións de maior penosidade, perigosidade e insalubridade como son os traballos do mar, servizo de gardacostas, transporte, construción, pedra, construción de túneles, canteiras e talleres de transformación, coidados, dependencia, sector sanitario, sociosanitarios, ambulancias, bombeiros/as e axentes forestais, limpeza hospitalaria e industrial, seguridade privada, plantas de tratamento de lixo, sector naval, eólico, traballo en cadea etc.

A estes sectores pertencen os traballadores e as traballadoras que hoxe participaron nas concentracións diante da Delegación do Goberno na Galiza e nas tres Subdelegacións provinciais.

Caída xeneralizada das contías

O secretario xeral lembrou que estamos ante unha nova reforma das pensións, cando apenas transcorreron 15 meses desde a última, na que se aumentou aos 29 anos e período de cotización para o cálculo da pensión. Esta modificación sumouse á reforma de 2011, acelerando a caída progresiva da contía das pensións nos últimos anos, que vai camiño xa do 25% por causa da ampliación da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos e do aumento do período de cálculo do 15 aos 25 anos. Unha caída xeneralizada da pensións que, no caso das mulleres, afonda máis na fenda de xénero.

A isto hai que sumar as sucesivas reformas laborais que estenden cada vez máis a precariedade, e os permanentes cambios nas normas que penalizan a xubilación anticipada, agravando as discriminacións para acceder á xubilación parcial, xa que só determinados colectivos de persoas traballadoras poden xubilarse aos 61 anos.

"Temos claro que non se pode seguir na inxustiza de prolongar a vida laboral, impedindo chegar á xubilación en condicións de poder gozala, como tampouco se pode seguir negando a entrada da xente nova ao mundo do traballo, cronificando a emigración e o paro xuvenil entre as persoas menores de 25 anos", valorou Carril, quen puxo o acento no feito da elevada idade media da poboación asalariada en Galiza.

Por todo isto, xa adiantou que a CIG continuará coas mobilizacións no mes de xuño para reclamar unha xubilación digna e que se respecten os dereitos de participación institucional das centrais sindicais máis representativas como a CIG.