A CIG no Concello da Coruña critica que goberno municipal “incumpra a normativa que rexe as relacións laborais”

A Coruña - 07 Set 2017

A sección sindical da CIG no Concello da Coruña denuncia que o Goberno municipal incumpre “non só nas máis elementais normas de cortesía, senón  tamén, a normativa que rexe as relacións laborais”, ao non avisar os/as conserxes dos colexios das modificacións no seu calendario laboral. Neste senso, sinalan que, ao segundo día de que os/as conserxes iniciaran o seu novo curso tiveron, coñecemento por medio dos/as directores/as dos centros -cos que non gardan relación laboral algunha-, que o seu calendario laboral fora alterado.

Lembra a sección sindical que a finais do curso escolar pasado, “despois de numerosos impedimentos  para que os/as conserxes de colexio gozaran dos seus dereitos laborais en materia de formación e de goce con normalidade dos permisos e licencias recollidos na lexislación vixente”, iniciouse un proceso de negociación dos horarios deste persoal “que se suspendeu estándose moi próximo a acadar un acordo”.

Dende a sección sindical da CIG no Concello da Coruña pídenlle ao Goberno Municipal “que poña o mesmo celo no cumprimento das leis como cando as usa como escusa para non executar os seus propios compromisos programáticos”.