A CIG no Concello de Lugo reitera o seu desacordo co desenvolvemento e a formulación da RTP

A celeridade na negociación imposibilita o tratamento "rigoroso e profundo" da documentación
Lugo - 07 Feb 2017

A representación sindical da CIG no Concello de Lugo desmárcase da posición do goberno local no referente á negociación da Relación de Postos de Traballo ao non estar de acordo "nin co procedemento que se está a seguir (calendario, temporalidade, documentación presentada) nin coa súa formulación e desenvolvemento".

Consideran que a celeridade no desenvolvemento da negociación da RPT fai incompatíbel un tratamento "rigoroso, serio e profundo" da documentación achegada. Reiteran que esta presa non ten xustificación dende un punto de vista laboral e sindical.

Así, engaden dende a Sección Sindical da CIG, nas sesións de traballo os sindicatos están a facer un labor "que non lles compete, xa se trate de corrixir erros na documentación presentada, ben sexa á hora de abordar a organización dos servizos. Neste sentido é moi significativa a ausencia nas reunións de traballo das persoas responsábeis dos mesmos".

Neste sentido, sinalan que a Administración semella querer convocar os sindicatos ás reunións como mera formalidade e pretender que se toman “acordos conxuntos” para lexitimar a súa actuación. "A CIG expresamente manifesta a súa desconformidade coa proposta inicial e coas achegas efectuadas até o día de hoxe, as cales, para a nosa sorpresa, pese a ser supostamente aceptadas, foron logo acollidas só parcialmente".