A CIG non asina o ERE nunha empresa que declara beneficios multimillonarios como o Banco Santander

Lémbralle a CCOO e UGT que se rebaixaron os afectados/as polas prexubilacións dos últimos meses
Nacional - 18 Xun 2019

Nunha empresa como o Banco Santander, que declara beneficios multimillonarios; con prolongacións de xornada que xa están interiorizadas como algo normal entre o persoal (cando é unha práctica ilegal, que o rexistro de xornada vén fiscalizar); que contrata ETT's para suplir as carencias en número de traballadoras e traballadores; que fixa uns obxectivos comerciais e unhas cargas de traballo non asumibles polos cadros de persoal actuais e, por riba, que discrimina claramente as persoas afectadas por este ERE en relación a procesos anteriores, a CIG non asina.

A central sindical sinala aos sindicatos maioritarios da entidade financeira que asinaron este luns o acordo do Expediente de Regulación de Emprego que se estaba negociando, por obviar as prexubilacións con acordos individuais feitos nos últimos tres meses e que seguen a se facer.

Baixas que a lei obriga a contemplar na redución proposta pola empresa, polo que finalmente o número de persoas afectadas polo ERE será do 6,5%, e das que as organizacións sindicais asinantes non falan para maquillar a realidade, de forma interesada.

Diante disto, a CIG-Banca acusan aos asinantes do acordo de “poñer o apósito antes de que saia a ferida”, apelando á responsabilidade, falando da pouca marxe de manobra que deixa a reforma laboral e a omnipotencia da empresa ao respecto.

Un argumento para a CIG curioso porque porén, “non foi válido para outras empresas do sector onde algún deses sindicatos non tivo reparos en non asinar, e non lle parece irresponsable enfrontar a empresa pese á reforma laboral”.

Unidade sindical

Para a CIG a unidade sindical fronte as pretensións do Banco, si sería quen de desbaratar os plans da empresa. “Esa é a outra acción sindical que sistematicamente esquecen os sindicatos que repetidamente asinan ERE's nun sector que defrauda horas extras a esgalla, evitando así que afloren miles de postos de traballo”.

Por iso pregúntase “até cando van seguir facéndolle as beiras á patronal” e pon ao dispor das traballadoras e traballadores que vexan vulnerados os seus dereitos no proceso que se abre como consecuencia da sinatura deste acordo as delegadas e delegados da CIG. “Tedes dereito a acudir a calquera entrevista coa empresa co acompañamento dun ou dunha representante sindical”, lémbralles.

“Fronte á avaricia desmedida, única xustificación real de tanto ERE, a CIG seguirá a defender todos e cada un dos postos de traballo”, clama.