A CIG ocupa sedes da Xunta e do SERGAS contra a pretensión do PP de legalizar o abuso das mutuas

A central sindical clama contra a modificación do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal porque “a saúde é un dereito, enfermar non é delito”
Nacional - 15 Xun 2026

Representantes da CIG ocuparon durante a mañá deste luns sedes da Xunta e do SERGAS nas sete cidades galegas para impedir que se leve adiante a modificación do PP do Plan de mellora e control da incapacidade temporal, que legalizará, de forma impune o abuso das mutuas no control das baixas por enfermidade.

As ocupacións prolongáronse até as 13:30 horas. En Compostela ocupouse a consellaría de Sanidade; na Coruña o Departamento Territorial da Consellaría de Sanidade; en Pontevedra, o edificio Xunta de Galicia; en Ourense a Delegación Territorial da Xunta de Galicia; en Vigo, a oficina do SERGAS; en Lugo, o edificio administrativo da Xunta, ao igual que en Ferrol.

No DOG do pasado 27 de Maio a Xunta do Partido Popular aprobou a modificación do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal (IT), un novo paso na estratexia de Rueda para converter as baixas médicas nun problema de control social e non nun problema de saúde laboral. Baixo o pretexto de combater o chamado "absentismo", o Goberno galego reforza o papel das mutuas e orienta a actuación da Inspección cara á aceleración das altas médicas.

Segundo explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “de forma ilegal, pretende impoñer con todo tipo de enganos, ameazas e intimidacións que as persoas traballadoras asinen autorizacións e consentimento para que as mutuas poidan actuar de forma impune contra a saúde das persoas traballadoras”.

Por iso a CIG fai un chamamento ao conxunto da clase traballadora galega para que ningún traballador ou traballadora asinen nada sen informarse antes dos seus dereitos. “Non vaia ser que coa súa sinatura consintan un abuso”.

Campaña da patronal

Carril denuncia que esta medida do PP vén fortalecer a campaña desenvolvida pola patronal e pola Xunta para presentar ás persoas traballadoras como responsábeis do incremento das baixas laborais.

Nese sentido, explica que os propios datos amosan que “o problema non é que a clase traballadora queira traballar menos, senón que cada vez traballa en peores condicións, durante máis anos e cun sistema sanitario máis deteriorado”. Lembra que a CIG leva meses denunciando que “o absentismo non é a causa do problema, senón o síntoma dun modelo laboral baseado na sobreexplotación, no envellecemento da poboación activa e nos recortes da sanidade pública”.

Denuncia ademais que o Partido Popular e a patronal facilitan así que unha proposta de alta da mutua poida derivar nunha alta efectiva inmediata cando a Inspección considere suficiente a documentación presentada. “Refórzase a capacidade de influencia das mutuas que son entidades privadas cuxo interese principal é reducir os custos derivados das prestacións por incapacidade temporal e o seu beneficio, nunca a saúde das persoas traballadoras”.

A CIG entende que, deste xeito, a Xunta recoñece implicitamente o fracaso da súa política sanitaria ao xustificar unha maior intervención das mutuas polas demoras e listas de espera existentes no sistema público. “En vez de reforzar o Sergas, aumentar persoal ou reducir os tempos de espera, opta por afondar  na privatización da asistencia sanitaria”, exactamente o que a central sindical vén denunciando nos últimos anos.

Os datos falan

Mentres a Xunta fala de absentismo, os datos mostran unha realidade distinta: Galiza é a nación do estado con menor número de persoas de baixa, ten unha clase traballadora máis envellecida, obrigada a prolongar a súa vida laboral, sometida a maiores ritmos de traballo e cun acceso máis lento á atención sanitaria. Neste contexto, perseguir ás persoas traballadoras enfermas e fortalecer o papel das mutuas non resolve as causas do problema; simplemente traslada a presión ás persoas enfermas.

Por iso, fronte ás política do PP, a CIG defende que a prioridade ten que ser reforzar a sanidade pública, mellorar as condicións de traballo, reducir a xornada laboral e combater os factores que provocan enfermidade e desgaste laboral. “O que aumenta non é o absentismo: o que aumenta é o impacto dun modelo económico e social que deteriora a saúde da clase traballadora”, subliña Paulo Carril.

A CIG leva anos mobilizándose contra as mutuas pola súa xestión e abuso nas continxencias comúns, profesionais e nas baixas por accidentes de traballo. Unha xestión que avanza na privatización dos recursos públicos a favor das mutuas, uns recursos que van ser empregados para presionar as persoas traballadoras co obxectivo de reducir o absentismo sen atender a criterios médicos senón económicos e empresariais.  Agora chama a nos mobilizar para impedir este intento de levar adiante esta nova medida e que o abuso das mutuas se legalice de forma impune.