A CIG participa na 107 Conferencia Internacional do Traballo na sede da OIT en Xenebra

Estivo tamén nun acto de apoio e solidariedade con Lula da Silva

Internacional -

Un ano máis, a CIG está presente na Conferencia Internacional do Traballo, na súa 107° edición, que se celebra, como sempre, na sede da OIT e da ONU en Xenebra. A central sindical participou tamén nun acto de apoio a Lula da Silva, o anterior Presidente do Brasil, organizado polo Comité de Apoio a Lula de Xenebra, en colaboración coas organizacións sindicais CSB, CTB, CUT, Força Sindical, Nova Central NCST e UGT, na Casa Internacional das Asociacións da cidade Suíza.  

Tras das reunións previas dos grupos que forman parte da Conferencia, Gobernos, Empregadores/as e Traballadores/as, e unha vez elixidas as persoas que os representarán nos distintos organismos e comisións, o pasado día 28 de maio celebrábase a sesión de apertura da 107 Conferencia Internacional do Traballo coas intervencións do Director Xeral, Guy Ryder, o representante do goberno de Xordania, que foi convidado á presidir este ano, e outras representacións institucionais.

Durante dúas semanas, e até o día 8 de xuño, as distintas delegacións que forman parte da Conferencia, debaterán sobre os distintos informes presentados polas comisións de expertos, e revisarán o nivel de cumprimento dos distintos convenios da OIT nos países sobre os que hai denuncias ao respecto. Esta comisión, a de Normas, será a que teña un réxime de reunións máis intenso e na que a CIG estará presente.

Tamén se debaterán os informes correspondentes sobre o tempo de traballo, e a violencia e acoso laboral, entre outros.

Asemade, a central sindical participará noutros actos que se celebrarán paralelamente á Conferencia, como unha reunión das organizacións sindicais da CSPLP, o acto de solidariedade con Lula ou co pobo palestino, entre outros.

Toda a información relacionada coa Conferencia, os documentos e as actas están a disposición na páxina da OIT e da 107°Conferencia.

Solidariedade con Lula da Silva

O acto de apoio e solidariedade con Lula, celebrado o pasado día 31 de maio, contou coa presenza da avogada de Lula, Valeska Teixeira Martins, que explicou os pormenores do proceso que se seguiu contra el e de todas as irregularidades que se están a cometer. Un proceso que rematou con Lula na cadea de Curitiba, sen aportar ningunha proba das acusacións que se lle imputaban e violando os seus dereitos.

Deste xeito, e tal e como se valora, non só desde infinidade de líderes e organizacións brasileiras e de todo o mundo, senón por parte de prestixiosas personalidades do ámbito xurídico (até varios Premios Nobel participan desa idea), Lula está a ser hoxe un preso político.

O propio proceso xudicial, a inxuriosa e escandalosa campaña mediática á que foi sometido, acusándoo a el e á súa familia de corrupción, a condena sen probas e os dereitos dos que está a ser privado neste intre, non son máis que unha estratexia concibida para tratar de evitar que poida presentarse ás eleccións presidenciais que se celebrarán proximamente, e así  consolidar un goberno que sexa similar ao actual.

Goberno ilexítimo de Temer

Un goberno ilexítimo, que a través dun golpe parlamentar, sacou á Presidenta electa pola grande maioría do pobo brasileiro, Dilma Roussef, para poñer no seu lugar ao neoliberal e corrupto Temer, que está a executar, desde que está no poder, as políticas que benefician a quen axudou a poñelo aí, a oligarquía do país e o capital transnacional axudado polas grandes potencias imperialistas.

Unha políticas baseadas na privatizacións dos servizos públicos, beneficios para quen máis ten e recortes nas políticas sociais emprendidas polos anteriores gobernos, perda de soberanía, ao poñer en mans de empresas estranxeiras sectores estratéxicos para o Brasil, retrocesos nos dereitos laborais civís e cidadás…

Unha clara mostra deste proceso estase a ver precisamente na propria Conferencia da OIT, ao incluír ao Brasil entre os países que figuran na lista “curta” (unha selección de 24 países, dunha lista máis ampla de 40) dos que incumpren de maneira moi clara algúns dos Convenios da OIT.

Neste caso, e como consecuencia da Reforma Trabalhista que o Goberno Brasileiro está a aplicar, debaterase esta semana sobre o incumprimento do Convenio número 98, relacionado cos dereitos de sindicación e negociación colectiva.

Apoio da CIG

Desde a CIG, igual que expresaron a maioría de representantes de organizacións  alí presentes de todo o mundo, reiterouse todo o apoio e solidariedade con Lula, o Presidente de orixe traballador e sindical que, segundo marcan as enquisas, quere a inmensa maioría do pobo brasileiro, o que será capaz de levar á práctica as políticas sociais e de loita contra a pobreza e a desigualdade que xa levou no seu mandato anterior.

Pero tamén, o Presidente que foi  quen de poñer ao Brasil á altura que se merece e plantarlle cara ao imperialismo exercendo un liderado que influíu noutros procesos que se deron en países da América Latina e que hoxe, desafortunadamente, tamén sufriron un retroceso polas inxerencias externas.

Volver