A CIG participa na 43 Conferencia Internacional de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí

O encontro celebrouse en Madrid os días 16 e 17 de novembro
Internacional - 19 Nov 2018

A CIG participou, os pasados días 16 e 17 de novembro en Madrid, na 43º Conferencia Internacional de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí. Unha conferencia á que asistiron representantes institucionais, tanto da Fronte Polisaria, como de grupos parlamentares europeos, estatais e de diferentes Comunidades Autónomas, de países como Alxeria, Venezuela, Mozambique, Nepal ou Sudáfrica, Concellos da rexión, organizacións e asociacións de apoio ao Sáhara, como Task Force, Fedissah, CEAS-Sáhara ou SOGAPS da Galiza, organizacións sindicais, e algunha activista saharauí, destacada pola súa loita en favor da causa saharauí e, moi especialmente, polos dereitos das súas mulleres. Ademais, na xornada do sábado, día 17, parou a Conferencia para participar na manifestación polos dereitos do pobo saharaui, que saíu de Atocha e rematou na Praza Maior de Madrid.

A sesión de apertura, en plenario, centrouse nos saúdos de rigor e na situación actual do conflito que vén padecendo o pobo saharauí, desde hai máis de 43 anos. Incidiuse unha vez máis no papel vergoñento dos distintos gobernos do Estado Español que, logo da Marcha Verde e a ocupación do territorio do Sáhara Occidental por Marrocos, co tristemente famoso acordo do 1975, seguiu a desentenderse da súa excolonia, e da súa responsabilidade como administradora, para deixar vía libre a Marrocos no proceso de ocupación e violación constante dos dereitos humanos coa poboación saharauí, pasando por riba das claras resolucións dos organismos internacionais ao respecto e, máis recentemente, das sentenzas do Propio Tribunal europeo de Xustiza.

Denunciouse que a propia UE incumpra estas resolución das súas institucións e que sigue adiante co tratado comercial agrícola e pesqueiro entre a UE e Marrocos, a pesar das claras sentenzas e resolucións que ditaminan a ilegalidade de calquera tipo de acordo que afecte aos recursos naturais do Sáhara e non conte co parabén dos seus lexítimos representantes, a Fronte Polisario.

Denunciouse tamén o papel que xogan especialmente os gobernos de España e Francia neste conflito, e o constante retraso en celebrar, tal e como está acordado, o Referendo de autodeterminación a través do cal o Sáhara Occidental poida acadar dunha vez por todas a súa independencia como estado, xa recoñecido, de facto, por outros estados ou pola propia organización de Estados Africanos, da que forma parte.

Presos nos cárceres marroquís

Sobre estes temas, así como a situación da xente presa nos cárceres marroquís, a que están a pasar nos territorios ocupados e nos campamentos de refuxiados en Tindouf, ou o muro e minas implantados por Marrocos no seu territorio,traballouse na segunda parte da Conferencia, xa en grupos reducidos que se organizaron a través de diferentes obradoiros:

6º) Grupo de traballo sindical. Este grupo, no que a CIG participou, reiterouse nas resolucións que xa tiña tomado no pasado mes de febreiro, nun encontro celebrado en Bruxelas, e que xa se trasladara ás institucións europeas e aos diferentes grupos parlamentarios do Parlamento Europeo. Respecto dun guión da reunión e demandas propostas desde a UGTSARIO, chegouse ás seguintes conclusións, que foron trasladadas ao Plenario da Conferencia:

  • Segue sen resolver o problema das pensións de traballadores/as saharauís que prestaron servizo en empresas españolas na época colonial. Acordouse intensificar os contactos e xestións co actual goberno, para tratar de buscarlle unha solución definitiva e satisfactoria.
  • As organizacións participantes comprometéronse a colaborar coa UGTSARIO e coa Fronte Polisario, para facer respectar a soberanía da RASD sobre os seus recursos, tal e como marcan as últimas sentenzas, ben a nivel local, coas empresas implicadas, ben de xeito coordenado con acción e denuncias colectivas. Enviarase xa a Resolución acordada reiterando a que xa se adoptou en febreiro en Bruxelas, aos grupos parlamentarios do Parlamento Europeo, a Portavoces da Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo (INTA) e o seu Presidente, ao Presidente do Parlamento Europeo, á Alta Representante da UE para Asuntos Exteriores, Federica Mogherini, e ao responsable da Comisión de Comercio da CES.

1º) Dereitos humanos. A situación que está a padecer a poboación do Sáhara Occidental é unha clara violación dos dereitos humanos que cumpre denunciar e poñerlle freo, tanto polas condicións precarias que padecen nos campamentos, como pola represión que sofren nos territorios ocupados e nos cárceres marroquís.

2º) Recursos Naturais. O proceso de colonización e ocupación ilegal de Marrocos está levando tamén a unha situación de explotación dos recursos naturais da RASD, da que é responsable Marrocos, pero tamén a propia UE, os estados e as empresas que negocian acordos sen contar coa representación lexítima do pobo saharauí.

3º) Político. É obvio que o problema do Sáhara Occidental non é un problema só de carácter humanitario, nin consecuencia de ninguna catástrofe, senón que é un problema político que ten que ver cos intereses económicos e xeoestratéxicos que exercen o imperialismo e colonialismo por parte Marrocos e as potencias que o apoian.

4º) Apoio ao desenvolvemento do Estado Saharauí. Diante desta situación e para reforzar a resistencia do pobo saharauí, é necesario asentar e consolidar a RASD como Estado, dotándoa de recursos para que as súas institucións e os servizos públicos necesarios para a súa poboación poidan funcionar coa maior normalidade posíbel.

5º) Grupo de traballo de xuristas. Logo do excelente traballo levado a cabo polos/as xuristas que iniciaron o proceso que rematou nas últimas sentenzas do Tribunal de Xustiza Europeo, compre seguir adiante co mesmo e, ademais de esixir o cumprimento das mesmas, iniciar outras vías legais que reforcen a lexítima defensa do pobo saharauí do seu dereito de autodeterminación  e o respecto ao mesmo e aos seus recursos por parte do resto das institucións internacionais, gobernos e empresas.

  • Asumiuse o compromiso de facilitar os contactos da UGTSARIO coas organización sindicais do norte de Europa.
  • A CIG fixo a proposta de crear unha Rede Sindical de Solidariedade co Pobo Saharauí, como xa existe con outras causas, como a Palestina. Iso facilitaría abrir a participación doutras organizacións sindicais que, ou ben xa fan actividades de colaboración co Sáhara, ou teñen interese en facelo, e así fuxir deste esquema que, a xuízo da central sindical, resulta algo pechado e intenta sempre circunscribirse ao ámbito da CES ou da CSI, a pesar de que, por máis que se insiste, non acaban de posicionarse claramente e sen fisuras a favor das demandas do pobo saharauí, freando as iniciativas que outras organizacións si están dispostas a levar a cabo.
  • Pedíuselle á UGTSARIO que elabore informes escritos sobre todas as situación violación de dereitos laborais e sindicais que poidan ser denunciadas no seo da OIT, para que poidamos facer uso deles na vindeira Conferencia Internacional.
  • A UGTSARIO, traslada unha serie de necesidades materiais ás organizacións presentes, coa fin de pedir apoio e colaboración para poder desenvolver o seu traballo sindical e de formación.

Logo de expor en sesión plenaria as conclusións de cada un dos obradoiros, e escoitadas outras intervencións de representantes institucionais deuse lugar á clausura da Conferencia e o emprazamento para levar a cabo os acordos tomados.