A CIG participa no XI congreso da CGT de Colombia, que celebrou o seu 52 aniversario

Internacional - 04 Out 2023

Durante os pasados días 26, 27 e 29 de setembro, a CIG asistiu, como convidada, ao 11º Congreso da Confederación General del Trabajo (CGT), unha das centrais sindicais máis importantes en Colombia, celebrado en Bogotá. Un congreso no que participaron un total de 650 delegados e delegadas inscritos/as, con dereito a voto, que xunto coas delegacións convidadas e participantes con voz e sen voto, sumaron arredor de 1000 persoas.

Previamente á celebración deste Congreso, e co transfondo do falecemento do anterior Presidente, Julio Roberto Gómez Esguerra, a CGT xa sufrira unha escisión, pois un sector decidiu celebrar un congreso paralelo, no pasados días 26 e 29 de xullo, no que se elixiu un Comité Executivo, encabezado por Miryam Luz Triana Alvis. Isto motivou a expulsión de seis integrantes desta escisión por parte da actual dirección.

Na xornada do día 27, a CIG participou da marcha que se realizou polas rúas de Bogotá, na defensa das reformas sociais impulsadas polo goberno de Petro, e paralizadas pola oposición (Reforma Laboral, Sanitaria, Educativa, das pensións etc.). Unha marcha que tivo unha resposta multitudinaria, e na que participaron as tres principais centrais sindicais de Colombia, organizacións sociais e membros do Goberno, con intervención do propio presidente, Gustavo Petro, no acto final, nunha Praza de Simón Bolívar ateigada de xente.

O acto de apertura do Congreso celebrouse na tarde do día 27, con intervencións de representantes do Goberno, dos sindicatos CUT e CTC de Colombia, da CIG e outras delegacións convidadas, e do presidente da CGT, Percy Oyola Palomá. A maioría das intervencións xiraron en torno á unidade de acción sindical, na defensa das reformas impulsadas polo Goberno de Petro, e a necesaria reparación colectiva ao movemento sindical, que foi vítima de numerosas violacións de dereitos humanos nas últimas décadas.

Continuou o día 28, co traballo en sete comisións, que abordaron diferentes temáticas, como política, reformas sociais, adopción de estatutos, dereitos humanos, reforma agraria, reformas sociais e medio ambiente.

No día 29, cando procedía expoñer as conclusións das comisión e, sobre todo, o proceso de elección do novo Comité Executivo, foi o momento en que comezaron as discrepancias, que se foron transformando en enfrontamentos e, finalmente, unha nova ruptura.

A pesar dos esforzos feitos para chegar a un acordo de candidatura unitaria, este non foi posíbel. Procedeuse, pois, pola Mesa do Congreso, á aplicación do marcado nos estatutos, no referente á concorrencia de varias candidaturas, eleccións, e reparto proporcional de representantes, en función dos resultados. Mais, unha parte dos delegados e delegadas presentes decidiron ausentarse do congreso.

Este sector, encabezado por Jaime Cortés, e formado, principalmente, por xente campesiña e do sector informal, chegara previamente a un acordo para inscribir, previo pago, 170 delegados/as oficiais ao Congreso. No recinto quedaron 394 delegados e delegadas, que continuaron co proceso de deliberación e elección de novo Comité Executivo, resultando reelixido Percy Oyola como presidente.

A CIG agradece  á CGT o trato recibido durante o congreso e lamenta profundamente que se vexa sometida a este proceso interno de enfrontamento e ruptura. Respectamos a súa autonomía para resolver por si propios os problemas internos e agardamos que, nun futuro inmediato, sexan capaces de dialogar e entenderse para salvar as diferenzas actuais e aglutinar, nun mesmo proxecto, todas as persoas e forzas que a situación do país, e a defensa dos dereitos laborais e sociais demandan.

Máis alá das diferenzas e aspiracións persoais, e se estas non responden a diferenzas político-sindicais, sería bo que o movemento sindical colombiano, e a CGT, continuara na liña de reclamar e apoiar as reformas en beneficio das maiorías sociais.