A CIG participa nun acto en lembranza do presidente da República Árabe Saharaui Democrática, Mohamed Abdelaziz

A central amosa o seu pésame polo falecemento do tamén secretario xeral do Frente Polisario e trasládalle a súa solidariedade ao pobo saharaui
Vigo - 02 Xun 2016
A CIG participou na homenaxe ao recén falecido presidente da República Árabe Saharaui Democrática e secretario xeral do Frente Polisario, Mohamed Abdelaziz, que organizaron hoxe en Vigo a Delegación Saharaui en Galiza e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Unha representación da central estivo presente no acto para amosar o seu pésame pola morte do dirixente saharaui e trasladarlle a súa solidariedade ao pobo saharaui, en especial á clase traballadora organizada no sindicato UGT Sario.

(Galería de imaxes)

A CIG estivo presente no acto organizado esta mañá en Vigo pola Delegación Saharaui en Galiza e a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps) en lembranza do recentemente falecido presidente da República Árabe Saharaui Democrática (RASD) e secretario xeral do Frente Polisario (FP), Mohamed Abdelaziz.

A central nacionalista participou no acto -no que estivo presente o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves- para amosar publicamente o seu pésame pola morte do dirixente saharaui e para trasladarlle a súa solidariedade ao pobo saharaui, en especial á clase traballadora organizada no sindicato UGT Sario.

Durante a homenaxe, na que moitas das persoas presentes asinaron no libro de condolencias, deuse lectura a un comunicado da Delegación Saharaui e da Sogaps no que expresan a súa conmoción pola perda do presidente da RASD e secretario xeral do FP, ao que definiron como un gran lider político “e un dos máis grandes loitadores pola dignidade e a liberdade do pobo saharaui”.

Ao mesmo tempo, salientaron a súa capacidade de resistencia e amosáronse convencidos/as de que “seguirá a defender a xustiza e a independencia do seu pobo sempre na memoria de outras xeracións que o terán presente en calquera lugar do mundo”.

O acto pechouse entre aplausos dos participantes con berros de “Viva o Sáhara libre” e “Sáhara liberdade, Polisario vencerá”.