A CIG participou na 46ª edición da Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí

Internacional - 07 Dec 2022

A CIG participou na 46ª edición da Conferencia Europea de Apoio e Solidariedade co Pobo Saharauí (EUCOCO), celebrada en Berlín os días 2 e 3 de decembro. Aproveitando o encontro, a CIG, xunto con outras centrais sindicais, trasladou á organización da EUCOCO unha declaración instando a recuperar un espazo específico para a actividade das organizacións sindicais e dar un impulso renovado da axenda sindical para a solidariedade co pobo saharauí.

Esta conferencia vénse realizando de maneira continuada dende o ano 1975, cando se iniciou o conflito tras o abandono do Estado español (potencia administradora de iure) e a ocupación marroquí do territorio saharauí. A EUCOCO desenvolvese cada ano unha nunha cidade europea e pretende ser un espazo de reflexión, análise e coordinación de accións concretas que contribúan ao avance da situación da causa saharauí e ao pleno exercicio do seu dereito de autodeterminación.

A seguir reproducimos a declaración trasladada polas organizacións sindicais:

Declaración sindical no marco da 46ª EUCOCO

As organizacións sindicais asinantes, presentes na 46ª edición do EUCOCO, que se celebra en Berlín durante os días 2 e 3 de decembro do presente ano, en reunión celebrada o día 3, queremos trasladar as seguintes consideracións:

  1. EUCOCO é un espazo fundamental de confluencia de representantes e organizacións europeas para articular a defensa, apoio e solidariedade coa causa do pobo saharauí, en todos os ámbitos en que esta solidariedade poida contribuír á solución do conflito, de acordo ao marco establecido polas resolucións de Nacións Unidas, que inclúen a realización dun referendo de autodeterminación.
  2. As organizacións sindicais, como movementos sociais da clase traballadora, e con experiencia e compromiso na loita polos dereitos laborais e cívicos, xogan un papel fundamental en calquera proceso reivindicativo e de loita, ademais de ter unha contrastada experiencia na práctica da solidariedade internacional e na organización de mobilizacións.
  3. Recentemente, e no seo dun encontro organizado nos campamentos de Tindouf pola UGTSARIO, creouse un Foro Sindical Internacional de Solidariedade co Pobo Saharauí, cunha ampla representación de sindicatos de todos os continentes (que esperamos ampliar), que xa ten elaborada unha folla de ruta para coordinar distintas accións a realizar conxuntamente, tanto nos nosos respectivos países, como ante os gobernos e institucións implicadas na resolución do conflito, para presionar na demanda do cumprimento do dereito internacional, e o respecto dos dereitos humanos e os recursos do pobo saharauí.
  4. Por todo isto, convidamos á organización de EUCOCO a valorar, traballando conxuntamente con UGTSario, o retorno dun espazo específico para a actividade das organizacións sindicais, cuxa participación diminuíu nos últimos anos, de forma paralela á ausencia de espazos de traballo sindical.
  5. Consideramos que un impulso renovado da axenda sindical para a solidariedade co pobo saharauí poderá facilitar unha maior participación e implicación de diferentes organizacións sindicais europeas, tanto de sindicatos que estiveron presentes anteriormente como de novas organizacións que poderían sumarse no futuro. Isto que lle estamos trasladando é o sentir maioritario dos sindicatos que, aínda que hoxe non estean presentes aquí, así nolo manifestaron noutros foros en que coincidimos.
  6. Achégase folla de ruta para o traballo sindical (Anexo 1).

Todas as accións de solidariedade coa causa saharauí sumarán no seu beneficio, e todas as organizacións e persoas dispostas a contribuír niso son útiles para levalas a cabo.

Desde a nosa mellor vontade en contribuír a esta causa, trasladámoslles un cordial saúdo.

Berlín, ao 3 de decembro, de 2022

UGTSario do Sáhara, CIG de Galiza, CGTP-IN de Portugal, e UGT e USO do Estado español

ANEXO 1

Folla de ruta par o traballo sindical de apoio á UGTSario

  1. Dirixirnos ás organizacións sindicais do ámbito internacional para solicitar o seu apoio ao traballo de UGTSario e aos espazos de traballo vinculados á causa saharauí, así como celebrar encontros anuais coas organizacións sindicais europeas implicadas. As organizacións sindicais europeas implicadas comprométense a trasladar as reivindicacións de UGTSario e do traballo do grupo sindical de apoio a UGTSario, ao ámbito da Organización Internacional do Traballo (OIT).
  2. Promover unha misión sindical que valore nos territorios ocupados Sáhara Occidental, a situación dos dereitos sindicais e sociolaborais e poida informar fronte ao silencio mediático respecto das violacións aos dereitos laborais da poboación saharauí.
  3. UGTSario promoverá a recompilación periódica de datos e información sobre a situación de respecto dos dereitos sindicais e sociolaborais da poboación saharauí para a elaboración de informes específicos sobre estes temas.
  4. Facer un traballo de sensibilización, difusión e acción sindical coas empresas que exploten recursos naturais ou realicen exportacións desde o territorio do Sáhara Occidental, incluíndo enerxía e recursos minerais, de acordo con o dereito internacional e as sentenzas dos tribunais europeos.
  5. Promover actividades de apoio aos traballadores e traballadoras saharauís, incluíndo aos e ás agricultoras que sufriron o espolio das súas terras.
  6. Traballar para o cumprimento da lei de Seguridade Social do ano 2011 para que as e os antigos traballadores saharauís de empresas españolas que realizaron achegas á Seguridade Social reciban as compensacións pertinentes.