A CIG participou na reunión de traballo da Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina

O encontro celebrouse en Catalunya os días 18 e 19 de outubro

Nacional -

A CIG participou na reunión de traballo da  Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina que tivo lugar o 18 e 19 de outubro en na sede da IAC de Catalunya. Na xuntanza tratouse a organización da vindeira Conferencia Internacional, as posíbeis accións de apoio á causa palestina, abordáronse cuestións arredor da campaña Boicot, Desinvestimento, Sancións (BDS) e os tratados que Israel mantén coa Unión Europea.

Na reunión participaron representantes das organizacións CGT Collective BDS France (Catalunya Norte), LAB e ELA de Euzkadi, FGTB e ACV-CSC de Bélxica, UNISON (Secretary of the friends of Palestine TU in Ireland), LO de Noruega, UNISON de Reino Unido, USS (Solidaires) de Francia, IAC de Catalunya e CIG de Galiza.

O encontro iniciouse cun balanzo e avaliación da Conferencia Internacional celebrada en novembro do pasado ano en Bruxelas e as accións desenvolvidas polas organizacións en cada un dos seus territorios. Abordáronse as posíbeis accións a desenvolver no futuro, a estrutura de funcionamento que se necesitará e a organización da seguinte conferencia para o ano 2018.

Os acordos máis destacábeis logo dos debates foron os seguintes:

  • Aproveitar a Reunión da Internacional dos Servizos Públicos (PSI) para facerlles chegar ás outras organización sindicais as iniciativas sobre Palestina e denunciar a complicidade da UE e as grandes corporacións co goberno de Israel.
  • A importancia da coordinación constante e o intercambio de información entre as organizacións sindicais de Europa  e as de Palestina.
  • A necesidade de que exista unha coordinación entre a celebración das Conferencias Internacionais e, independentemente do grupo de traballo que xa está constituído, contar con algunha persoa que asuma esa función.
  • Fíxose unha aproximación ao presuposto que sería necesario para un ano, tendo en conta todos os gastos de coordinación, organización de actividades e da vindeira Conferencia.
  • Acordouse facer a Conferencia os días 18-19 de maio de 2018, na Aula Magna da Universidade de Barcelona e desenvolver os obradoiros noutras aulas máis pequenas.
  • Marcáronse algúns dos temas que serán abordados na Conferencia: traballo decente en Palestina, complicidade das corporacións con Israel, complicidade da UE, etc.
  • Haberá outras dúas reunións do grupo preparatorias da Conferencia: unha no vindeiro mes de xaneiro, que se celebrará en París, e outra no mes de abril, aínda por concretar.
    Sobre a lista de multinacionais e/ou empresas que se abastecen ou producen nos territorios ocupados (as colonias ilegais de Israel en territorio palestino), acordouse facer unha declaración común do conxunto da Iniciativa, e non só dos presentes do Comité de seguimento (Steering Committee). E desenvolver nos respectivos ámbitos campañas ao respecto en todos os aspectos que poidan afectar, non só das empresas privadas, senón de posíbeis contratos de servizos públicos en relación con isto (gobernos que mercan con cartos públicos ás empresas que aparecen nese listado).
  • A persoa encargada da Coordinación redactará un chamamento a participar na Conferencia de Barcelona, así como un protocolo para a redaccións de Declaracións que vinculen ao conxunto das organización da Iniciativa, e presentalas á Conferencia.
  • A primeira declaración lanzarase  o día 29 de novembro.
  • Publicaranse na web as noticias e fotos das acción que cada organización levemos a cabo nos nosos territorios.
  • Acordáronse distintos grupos de traballo: un de estrutura, outro de fondos, outro de actividades-campañas, outro da conferencia e outro para redactar un informe.
  • Concretáronse un pouco máis polo miúdo os temas a tratar no panel principal da Conferencia:

                   1) Complicidade Europea: Haberá un/unha experto/a falando do tema, debate, experiencias concretas, campañas que tiveron efecto,… e o punto de vista da xente de Palestina. É necesario realizar unha campaña contra isto, agora que se van celebrar as eleccións europeas nun ano, tamén en maio do 2018.
                  2) Presentación da Iniciativa.
                  3) Complicidade das multinacionais: expertos, sindicalistas e xente de Palestina. Avaliarase tamén convidar a alguén da Comisión da ONU que redactou a lista das compañías que se abastecen das colonias ilegais.

Nos obradoiros trataranse, alías doutras cuestións que poidan acordarse, a situación de Gaza e  boas prácticas sobre delegacións sindicais en Palestina.

O principal obxectivo da conferencia é tratar de estender a sensación de que a iniciativa é compartida por todos os sindicatos que forman parte dela, así como crear unha serie de protocolos de actuación á hora de redactar as declaracións, levar a cabo as diferentes acción, etc. Así como tratar de ampliar o número de organizacións a unha Iniciativa da que xa formamos parte 38 sindicatos.

A Coruña, 24 outubro de 2017

Dpto. Relacións Internacionais CIG

Volver