A CIG partilla a declaración final do Encontro Europeo da Marcha Mundial das Mulleres

Desenvolveuse en Vigo os días 26, 27 e 28 de maio

A Coruña -

Os días 26, 27 e 28 de maio, Vigo acolleu  o Encontro Europeo da Marcha Mundial das Mulleres (da que a CIG forma parte), que se desenvolveu baixo o lema “Outra Europa e outro mundo son necesarios”. Nas tres xornadas, mulleres galegas, kurdas, turcas, gregas, vascas, belgas, suízas e portuguesas analizaron o contexto político e como afecta ao movemento feminista e ás mulleres. A seguir reproducimos a declaración final deste encontro.

Declaración final do Encontro Europeo da MMM en Vigo os 27, 28 e 29 de maio 2016:

Nós, mulleres militantes da MMM en Europa, reunidas en Galiza despois de varias xornadas de reflexión, debates e intercambio e fronte á situación internacional alarmante que vivimos, de guerras, ataques das dereitas cos golpes de estado, represión dos movementos sociais, criminalización das loitas, asasinato de mulleres activistas, banalización das violencias, recortes de liberdades, militarización do espazo público, estratexias do medo, precariedade laboral, mercantilización dos bens comúns e dos corpos, queremos expresar:

•    A nosa solidariedade coas mulleres kurdas e o seu pobo que resisten aos ataques criminais tanto do Daesh como do Estado turco. Lembramos especialmente a Seve Demir e as compañeiras asasinadas dá MMM pola súa loita e a todas as presas políticas.

•    A nosa denuncia da complicidade da UE, que a través dos seus estados membros venden armas, financian a desestabilización da zona e aprovéitanse dos recursos naturais.

•    A nosa repulsa á política europea en relación coa crise de refuxiadas e esiximos que se poña fin á guerra, que se abran as fronteiras, que se garanta o pase seguro, que se eliminen as cotas e que se acollan todas as refuxiadas políticas e económicas.

•    A nosa preocupación e rexeitamento da crise ambiental provocada polo capitalismo depredador e o espolio de recursos naturais ao longo do planeta levado a cabo polas empresas transnacionais.

•    A nosa denuncia do avance da extrema dereita que pon en perigo as democracias no mundo, como acabamos de comprobar no Brasil co golpe de estado capitalista, machista e racista.

•    A nosa rabia fronte ás violencias, a persecución, a deportación, a criminalización e os asasinatos que sufrimos as mulleres activistas na defensa dos nosos dereitos e a sustentabilidade da vida.

•    A nosa denuncia da chantaxe que o Banco Central Europeo, o FMI e a Comisión Europea exercen cara aos diferentes países, especialmente Grecia, Portugal e o Estado español, en nome da austeridade promovendo políticas que degradan a vida das mulleres e os seus pobos.

Agradecemos ás compañeiras da Coordenadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres o seu acollemento e traballo para facer este encontro posíbel e mostramos a nosa solidariedade coas mulleres galegas, en especial con Laura Bugalho compañeira procesada polo seu inquebrantábel defensa das persoas migrantes e o colectivo Nós mesmas, vítima de ataques violentos polo seu activismo lésbico.

Este non é o mundo que queremos construír, queremos un mundo de paz, desmilitarizado, un mundo sen muros de separación, un mundo onde a vida dos seres humanos teña máis valor que o diñeiro. Queremos construír un mundo onde as nenas poidan xogar sen temer a violación, o asasinato ou a desaparición, onde as mulleres non sexan vítimas de violencias sexistas, de comportamentos machistas.

O noso futuro é a solidariedade internacional, seguimos en marcha ata que todas sexamos libres.

Vigo, maio de 2016

Volver