A CIG pide a diminisión de Montoro, responsábel máximo da amnistía fiscal

O Tribunal Constitucional anula a medida e recoñece que o goberno do PP lexitimou a fraude con esta lei

Nacional -

A CIG, sindicato mais representativo na AEAT en Galiza pide a dimisión de Cristobóbal Montoro, ministro de Facenda, como máximo responsábel da aplicación da  amnistía fiscal que o Tribunal Constituciona vén de anular, aínda que, sorprendentemente a resolución xudicial apenas terá consecuencias prácticas. A CIG denunciou en numerosas ocasións que esta medida  vulnera os principios de progresividade e proporcionalidade que debe perseguir o sistema tributario “premiando” a quen defrauda ao permitirlle pagar impostos moi inferiores aos que lle correspondería plo nivel de ingresos.

A baixa moralidade desta amnistía fiscal resultaba obvia pero agora, tras a resolución do Tribunal Constitucional, tampouco hai  dúbidas sobre a súa legalidade. “Ningunha situación excepcional pode xustificar que ás persoas que son grandes defraudadoras  se lles permita regularizar o seu patrimonio oculto á Axencia Tributaria a un tipo reducido, sen sanción e recargos,  o que supón unha discriminación clara respecto a quen cumpre coas súas obrigas tributarias. En definitiva, esa lei permitiu que se lle dera un mellor trato ao evasor fiscal que o cumpridor”, denuncia o subsector da CIG-Administración na AEAT.

Neste senso, sinalan que a resolución do Constitucional non deixa outra saída que a dimisión do Ministro de Facenda, pois esta amnistía causou tamén un descrédito á  labor da Axencia Tributaria “xa que mentres se esixía o cumprimento das obrigas tributarias aos e ás contribuíntes, por outro lado estábase a premiar a labor dos e das  defraudadoras”.

A nivel laboral, a representación da CIG sinala a “total desmotivación” que este tipo de medidas producen entre o persoal da AEAT, que está asumindo unhas cargas de traballo inaceptábeis, cunha reposición de efectivos claramente insuficiente (conta con 3.000 efectivos menos que hai sete anos) e sen posibilidade de promocionar pola vía do concurso nin de progresar na carreira administrativa, paralizada desde o ano 2010.

“Esta situación está a producir un descontento entre o persoal máis que evidente polo que fai necesario unha renovación total na cúpula da Axencia Tributaria, con outros directivos que miren polo persoal e non estean ao servizo do goberno que toque”, afirma o subsector da CIG.

Volver