A CIG inicia unha campaña contra a explotación de traballadores/as na fronteira entre Galiza e Portugal

As empresas aproveitan a desregulación laboral para nutrirse de man de obra precaria ante a inacción da Xunta e da Inspección

Vigo/Ourense -

A CIG vén de poñer en marcha unha campaña de denuncia das condicións laborais de sobreexplotación que padecen milleiros de traballadores/as transfronteirizos/as en Galiza e Portugal, principalmente no sur das provincias de Pontevedra e Ourense e nos sectores da construción, da automoción e no naval, aínda que tamén nos servizos e na industria téxtil. As empresas aproveitan a falta de regulación en materia laboral propiciada pola UE e a inacción da Xunta e da Inspección de Traballo (IT) para nutrirse de man de obra precaria. Diante disto, a central ten convocadas manifestacións este mércores día 4 de xullo en Vigo (dende a Xunta até a IT ás 11:00 horas) e Ourense (dende a IT até a Xunta ás 11:30 horas).

Segundo sinalan dende a CIG, estes/as operarios/as son vítimas do empobrecemento xeneralizado e da sobreexplotación laboral que fomentan os Gobernos español e galego mediante a aplicación das políticas impostas pola Unión Europea (UE) a través da Troika, como as últimas reformas laborais. “A fronteira aprovéitase para aumentar a sobreexplotación, por iso é máis necesario ca nunca a defensa da clase traballadora de ambas as dúas beiras”, sosteñen. 

A central convoca manifestacións en Vigo e Ourense este mércores 4

Esta campaña ten lugar no contexto do recente protocolo de colaboración subscrito entre a CIG e o principal sindicato portugués, a CGTP-IN, xa que a coordinación entre organizacións sindicais de ambos os dous países é fundamental para evitar que a desregulación en materia laboral favorecida pola Troika para aumentar o lucro das grandes transnacionais afonde na sobreexplotación de milleiros de traballadores/as.

As prácticas que utilizan as empresas para maximizar os seus beneficios fomenta o dumping social e agudiza o enfrontamento entre a clase traballadora dos distintos países. “Para nós só hai unha clase traballadora e está a ser brutamente explotada”, sinalan dende a CIG.

Isto é posíbel porque os organismos fiscalizadores non cumpren co seu labor. “A Inspección de Traballo e a Xunta, por exemplo, é sabedora desta situación pero non actúa”. Diante disto, a CIG ten convocadas mobilizacións en Vigo e Ourense este mércores día 4. No caso de Ourense a manifestación arrincará ás 11:30 horas dende a propia sede da Inspección de Traballo e rematará diante da Xunta. En Vigo será ao revés, a marcha partirá da delegación da Xunta e rematará na Inspección.

Principais cuestións a denunciar

  • A falta de regulación laboral propiciada pola UE permite que as empresas boten man de persoal en precario ante a inacción e a falta de control da Xunta de Galiza e da Inspección de Traballo.

  • Trátase dunha práctica estendida en todos os sectores que provoca dumping social: competencia desleal entre empresas baseada nos baixos salarios para reducir custes e ofrecer prezos competitivos.

  • O habitual é a presenza en Galiza de traballadores/as portugueses/as con condicións laborais do seu país, pero tamén hai galegos/as que traballan aquí baixo convenios portugueses, que son un 50% máis baixos.

  • As empresas utilizan o traslado de traballadores/as dun lado a outro da fronteira para evitar ter que converter en indefinido a persoal eventual con contratos de obra e servizo.

  • Cada vez é máis común que compañías da automoción ou da limpeza abran delegacións en solo portugués para contratar tanto persoal autóctono como galego en peores condicións para logo traballar nos dous países.

  • No sector da construción, sobre todo nas grandes obras públicas, as condicións dos operarios/as portugueses/as rozan a escravitude: xornadas de 12-14 horas de luns a sábado e sen vacacións.

  • Empresas que xestionan residencias da terceira idade en Galiza tiran de persoal portugués ante a dificultade de atopar empregados/as galegos/as que traballen nas condicións precarias que marcan os convenios

Volver