A CIG presenta conflito colectivo contra o prezo das horas extras en Vitrasa por ser inferior ao das ordinarias

Sección sindical da empresa de transportes viguesa rexeita sistema de contratación “por fraudulento”

Vigo -

A sección sindical da CIG en Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano de Vigo, vén de presentar denuncia por conflito colectivo contra o prezo das horas extra recollido no novo convenio, ao entender que é ilegal xa que se pagan por debaixo das ordinarias. Ao mesmo tempo, puxeron en coñecemento da Inspección de Traballo a crecente precarización na política de contratación da empresa, que consideran fraudulenta xa que se utilizan distintos traballadores/as eventuais para cubrir os mesmos postos co obxectivo de evitar o período de tempo necesario para convertelos/as en fixos/as e que xeneren antigüidade.

A sección sindical da CIG na compañía viguesa de transportes decidiu presentar o conflito colectivo ao entender que o convenio asinado pola maioría do comité (CCOO, USO e UGT), de seis anos de duración, é ilegal no referente ao prezo das horas extras, xa que as retribucións por este concepto pactadas son moi inferiores ás das horas ordinarias, incumprindo o artigo 35.1 do Estatuto dos Traballadores/as, que establece que teñen que ser alomenos ao mesmo prezo. “O abuso é maiúsculo se temos en conta que o convenio nos obriga en calquera suposto a realizar as horas que marque o servizo asignado”, indican.

Esta circunstancia provoca que, coa finalidade de aforrar custos, o número de horas extras sexa desmesurado, “penalizando así a contratación”. A situación prodúcese a pesar de que esta irregularidade foi posta en coñecemento da Xunta por parte da CIG antes de rexistrar o convenio, “mais incomprensibelmente procederon a inscribilo sen modificar”.

Sistema de contratación fraudulento

Ao mesmo tempo, a sección sindical volveu denunciar ante a Inspección de Traballo o que consideran un sistema de contratación fraudulento xa que se utilizan distintos empregados/as temporais para cubrir os mesmos postos, incumprindo o artigo 15.5 do Estatuto dos Traballadores/as. Despois envíaselles ao paro cada certo tempo para evitar que xeneren antigüidade na empresa e esquivando os períodos de contratación necesarios (24 meses nun período de 30) para quedar fixos/as.

Solicitamos unha actuación contundente da autoridade laboral, xa que a pasividade e inacción habituais ante as denuncias que presentamos contra a concesionaria impídenos defender os dereitos laborais dos nosos compañeiros/as”. Neste senso, sosteñen que a deixadez é tal que as últimas denuncias presentadas en Inspección de Traballo foron contestadas “de maneira vaga e ambigua”, evitando intervir para solucionar os problemas expostos.

Volver