A CIG presentará mocións en todos os Concellos en apoio da folga xeral

A central rexistrará a convocatoria na Consellaría de Traballo este venres
Nacional - 23 Mai 2018

A CIG presentará nos Concellos galegos mocións para que as corporacións municipais debatan en pleno sobre as razóns da convocatoria de folga xeral para o 19 de xuño, manifesten o seu apoio e animen a veciñanza a secundala. A central sindical ten previsto ademais rexistrar o preaviso na Consellaría de Traballo o vindeiro venres día 25 de maio.

No texto da moción lémbrase que as decisións políticas adoptadas desde o inicio da crise económica téñense demostrado un auténtico  roubo e saqueo á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego. “A recuperación económica da que se fai propaganda á diario non existe,  é só para as persoas ricas, que aumentan a súa riqueza, á conta dun empobrecemento xeral”.

Lembrase que medra o paro e baixa a poboación activa e sublíñase que a taxa de paro é do 15,08%, maior que no ano 2009.

Denúnciase ademais que “ter un traballo non permite vivir en condicións dignas” e que as pensións tampouco garanten poder adquisitivo por mor das reformas do sistema público de pensións, do 2011 e 2013, que fan que na Galiza teñamos as pensións máis baixas do Estado español.

Pobreza laboral e precariedade

A reforma laboral impón pobreza laboral, non hai creación de emprego, hai precariedade, contratos de traballo en condicións escravizantes, a tempo parcial e salarios miserentos que tan sequera chegan ao salario mínimo interprofesional.

Cada día son máis persoas no desemprego non perciben ningún tipo de ingresos. Non para a emigración de xente nova, deixando sen futuro á sociedade galega.

Medran os sectores sociais abandonados polas Administracións ante os recortes sociais e privatizacións dos servizos públicos, do ensino, sanidade, servizos socias, etc…

Criminalizan, reprimen, encadean a quen se mobiliza, quen exerce a liberdade de expresión, quen defende os  dereitos da clase traballadora e quen loita polos dereitos das nacións que integramos o Estado español.

O Goberno de Feixó non toma iniciativas ante esta grave situación, sométese a estas políticas decididas en Madrid e Bruxelas, actuando só en favor dos Fondos de Inversión, que acumulan máis riqueza en menos mans, lonxe de Galiza.

O Goberno español do PP, en minoría parlamentar, cheo de corrupción e con total impunidade, reforza os recortes nos Orzamentos do Estado, mentres as teóricas forzas da esquerda española son incapaces de poñerse de acordo para botalos das institucións, e acabar con todas estas reformas laborais e sociais que tanto dano fan.

Non se pode agardar máis. Está en xogo evitar que as novas xeracións vivan en peores condicións que as anteriores

A  folga xeral é a resposta necesaria da clase traballadora  para demostrarlle ao poder económico e político a nosa disposición de loitar pola recuperación dos nosos dereitos e por un futuro digno.

Para esixir a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva. Debilitan á clase traballadora, precarizan o emprego, estabelecen novas formas de explotación laboral.

Para conseguir avances reais para as mulleres. A Folga do 8 Marzo debe traducirse no remate da fenda salarial, da temporalidade, do acoso sexual e laboral, das discriminacións por maternidade… A sentenza da Audiencia de Navarra confirma que a violencia patriarcal está instalada en todos os aparatos do Estado.

Para defender as pensións públicas. O PP non pode desoír o clamor social de pensións dignas. É a mellor defensa ante a próxima reforma do Pacto de Toledo. As medidas anunciadas nos Orzamentos é un engano, se non se derrogan as reformas de 2011 e 2013,o roubo ás pensións seguirá.

Contra os abusos da patronal, reforzada con estas políticas antiobreiras, paralizada a negociación colectiva, atacan as nosas condicións laborais e salariais, impón convenios estatais que non satisfán as nosas reivindicacións de emprego e salarios dignos.

Para frear as duras políticas do PP contra os/as desempregados/as. O Goberno de Raxoi prepara un novo recorte ao sistema de protección por desemprego, unificando as prestacións asistenciais para reducir o tempo e as contías dos subsidios.

Para acabar cos recortes sociais e a privatización de servizos públicos, lograr a derrogación da LOMCE e da Lei de Saúde da Xunta de Feixoo. Para que o Ensino e a Sanidade sigan sendo galegas, públicas, universais, gratuítas e de calidade.

Para impedir o retroceso nas liberdades democráticas e nos dereitos fundamentais, da Lei Mordaza e da última reforma do Código Penal.

Pola rexeneración democrática fronte á corrupción actual, ante a crise política e institucional do réxime imposto coa Constitución do 78, que pretenden perpetuar a toda costa.