A CIG propón na xuntanza de Alter Summit avanzar na concreción de accións conxuntas e coordinadas

O encontro realizouse en Bruxelas os días 17 e 18 de febreiro
Nacional - 24 Feb 2017

Os pasados días 17 e 18 de febreiro celebrouse unha nova reunión de ALTER SUMMIT en Bruxelas, na que a CIG propuxo marcar obxectivos concretos e planificar o traballo de cara ao futuro, con propostas e accións conxuntas e coordinadas, co obxectivo de converter esta plataforma "nun instrumento útil para loitar contra as políticas neoliberais da Unión Europea".

Nas xuntanzas traballouse sobre un programa baseado nos seguintes puntos:

•    Avaliación da Conferencia “Dereitos para todos/as” do pasado mes de novembro.

•    Construción dunha estratexia europea eficaz.

•    Situación financeira e perspectivas de futuro de ALTER SUMMIT.

•    Informacións sobre novos movementos: CETA, G20, 8 de marzo, Rede de saúde o 7 de abril,…

•    Reunión dos diferentes grupos de traballo, propostas finais e axenda detallada, logo das anteriores feitas xa a través do skype:
.- Transición Ecolóxica.
.- Resistencia 2.0. Nova realidade laboral.
.- Servizos Públicos universais.
.- Unidade.
.- Sindicalismo e migración.

•    Posta en común das conclusión dos grupos de traballo.

•    Plano de traballo para este ano e conclusións da reunión.

•    Plenario sobre perspectivas para 2017-2019.

Pasar "a outra fase"

A valoración da Conferencia “Dereitos para todos/as” de novembro foi, en termos xerais, positiva. Non só polos debates, documentos e propostas que dela xurdiron, senón porque serviu para a incorporación ao traballo de novas persoas e colectivos que traballan na liña de ALTER SUMMIT, e que levan desenvolvido campañas interesantes nos seus respectivos ámbitos.

Desde a CIG valorouse que agora correspondería sacar proveito deses debates e pasar a outra fase: a de marcar obxectivos concretos e planificar o traballo de cara ao futuro, con propostas e accións conxuntas e coordenadas. Coincidimos coa valoración positiva da Conferencia, mais pensamos que debemos ir superando os debates, xa suficientemente clarificados, e pasar á acción, se de verdade queremos que ALTER SUMMIT se converta nun instrumento útil para loitar contra as políticas neoliberais da Unión Europea.

Propostas para ir avanzando:

•    Cumpre “visualizar” máis ALTER SUMMIT, o seu traballo e o papel que queremos que xogue.

•    Debemos programar unha estratexia de difusión das nosas mensaxes e actividades.

•    Para iso, deberíamos comezar por presentarnos diante das institucións europeas (o 7 de abril está solicitada unha reunión coa Comisión Europea, máis centrada no tema da saúde, aínda sen confirmación), e darlle repercusión mediática. Se, como é previsible, non se fai caso das nosas demandas, estudar outro tipo de accións reivindicativas.

•    Marcar xa accións concretas de mobilización conxunta.

Actualidade e campañas

Dedicouse un tempo para escoitar a representantes de diferentes movementos, que explicaron as súas respectivas campañas e informaron da situación actual sobre distintas problemáticas:

•    Sobre a situación do CETA, logo da súa aprobación no Parlamento Europeo.

•    Sobre a situación política en Romanía.

•    Sobre a campaña de mobilizacións previstas para o 7 de abril, na defensa da saúde pública.

•    Sobre a campaña contra o cumio do G20, que se celebrará en Hamburgo o 7 e 8 do vindeiro mes de xullo.

Situación política

Deuse tamén un amplo debate sobre a situación política actual e as perspectivas de futuro en toda Europa e os seus Estados. Valorouse moi preocupante que, fronte ao modelo neoliberal (liderado por Merkel na Europa actual), a esquerda non estea ben posicionada como alternativa diante do descontento cidadá e, por moito que nos escandalicemos do éxito de Trump nos EEUU, aquí percíbese un importante medre das alternativas que están na súa mesma liña (Le Pen) e adoptan discursos similares.

Diante deste panorama, a esquerda en Europa debe corrixir os seus erros, mellorar a súa estratexia, o seu discurso, a súa imaxe e, sobre todo, a súa acción política. E desde ALTER SUMMIT e os movementos sindicais e sociais que o compoñen, debemos ter claro cales son as nosas forzas reais e poñelas a traballar para facer fronte a esta situación preocupante de perda de dereitos e avance da ultradereita en Europa.

Desde CIG, sorpréndenos que nos discursos deste debate se poñan grandes perspectivas de futuro en Estados nos que a chamada “nova política” claramente ten fracasado (Grecia, España,…) e, pola contra, se siga a silenciar e ignorar un proceso bastante máis esperanzador como pode ser o de Portugal. E insistimos en que non pode haber avances sen presión, sen mobilizacións. Xogando só no terreo institucional e mediático, a loita estaría perdida, pois eses campos están en mans do capital e a dereita.

Cuestión financeira

Tratouse tamén a situación financeira de ALTER SUMMIT, e aprobouse buscar máis vías de financiamento, a través da incorporación de novas organizacións que defendan os nosos mesmos obxectivos, así como sacar un comunicado público coas conclusións das reunións e o calendario de traballo de cara ao futuro, tanto a nivel global, como dos diferentes grupos de traballo.

A Coruña, 22 de febreiro de 2017

Departamento de Relacións Internacionais da CIG