A CIG protesta pola denegación de EEUU de visado ao secretario xeral da FSM, Geoge Mavrikos

Tiña programada unha visita á sede da ONU en Nova Iorque

Internacional -

A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifesta a súa protesta pola denegación do visado a George Mavrikos, secretario xeral da Federación Sindical Mundial (FSM) por parte do Goberno dos EE.UU. para asistir a un evento na sede das Nacións Unidas.

O secretario xeral da FSM tiña programada unha visita á sede da ONU en Nova Iorque no vindeiro mes de marzo, así como a súa participación como orador principal na reunión sindical que anualmente celebran distintas organizacións afiliadas e amigas da Federación Sindical Mundial en Los Ángeles. Mais, a pesar de seguir o procedemento habitual nestes casos, o Departamento de Estado dos Estados Unidos denegoulle o permiso de entrada ao país.

Tamén desde a Embaixada en Atenas, onde reside Mavrikos, foi negativa a resposta, e o Ministerio de Exteriores de Grecia non foi quen de garantir a libre circulación dun dos seus cidadáns. Tampouco o secretario de Estado norteamericano, Mr. Tillerson, se dignou a respostar á carta de petición dos sindicatos estadounidenses.

A “suposta” xustificación para esa denegación de permiso céntrase en que lle piden estar exento da "Terrorist Travel System", tratando a unha organización ampliamente recoñecida e acreditada internacionalmente como se fora un grupo terrorista.

“Consideramos esta decisión do goberno de EE.UU. antidemocrática, arbitraria, provocadora e que vai contra os acordos internacionais e os dereitos de libre circulación das persoas, máis aíndatendo en conta que ten no seu territorio as sedes de diversos organismos internacionais, como é a ONU neste caso”, valora o sceretario xeral da CIG, Paulo Carril, que agarda que sexan, “precisamente esas institucións internacionais (nomeadamente a ONU), as que fagan cumprir, tamén aos EE.UU, os dereitos que eses acordos contemplan ao respecto”.

A CIG considera que neste caso, ademáis, estase a cometer un grave atentado contra a liberdade sindical e os acordos recoñecidos na OIT (claro que os EE.UU. non suscribiron moitos deles) e, en definitiva, contra a clase traballadora en todo o mundo, a quen a FSM e as organizacións que a compoñen representan en grande número.

Por todo isto, a central solicita que se lle conceda o visado a Georgio Mavrikos e que poida exercer o papel que lle corresponde en representación da FSM, do sindicalismo e dos traballadores e traballadoras que representa, diante da ONU e en calqueira outro evento no que como tal se lle requira.

Volver