A CIG reclama a implicación da Xunta para que se retome canto antes a actividade en Fandicosta, afectada por un grave incendio

Na empresa frigorífica son sede na parroquia moañesa de Domaio traballan máis de 220 persoas

Vigo -

A FGAMT-CIG vén de reclamar a implicación das Administracións públicas para que se poida retomar canto antes actividade en Fandicosta, empresa frigorífica con sede na parroquia moañesa de Domaio cuxas instalacións se viron gravemente afectadas por un incendio. Na planta principal da compañía, que vén de anunciar un ERE por causa maior, traballan máis de 220 persoas.

(Galería de imaxes)

Dende a central lamentan o sucedido no día de onte, cando se orixinou un lume nas instalacións de Fandicosta que arrasou boa parte da fábrica, mais amosan a súa satisfacción polo feito de que non se rexistrasen desgrazas persoais. “Agora o importante é que se poida reiniciar canto antes a actividade na fábrica, para o que reclamamos a implicación das Administracións públicas, sobre todo da Xunta", explican dende a FGAMT.

Neste senso, a compañía vai analizar a posibilidade de que a actividade se reinicie nas naves que non foron afectadas polo lume orixinado na tarde de onte. O grave incendio deixou practicamente arrasada a zona A, que acolle as instalacións destinadas a elaboración, almacén, oficinas e unha das salas de máquinas.

A dirección da empresa xa lle confirmou ao comité (4 delegadas/os da UGT, 3 de CCOO e 2 da CIG) que parte do persoal vai ser trasladado temporalmente a unha das empresas do grupo en Vigo, ao tempo que anunciou a presentación dun ERE por causa maior. “A parte social e empresarial quedou de volver conversar a finais desta semana para abordar os detalles do ERE e ver como vai ser distribuído o persoal”.

Finalmente, inciden na necesidade de que se manteñan todos os postos de traballo, ocupados maioritariamente por mulleres, “xa que en moitos casos se trata do único salario que entra na casa”.

Volver